Cash Converters abre tenda no Centro Comercial As Cancelas de Santiago

mércores, 10 de abril do 2024 S. P.

Cash Converters volve a Santiago logo da súa longa e frutífera estadía na praza de Vigo de Compostela, onde foi un referente durante anos no mercado de segunda man cunha forte presenza de dispositivos tecnolóxicos usados pero con plenas garantías de uso e actividade. Agora, debido “ao auxe do mercado da segunda man” a compañía especializada na compra e venda de artigos abre a que é a súa segunda tenda en Galicia, xunto coa de Pontevedra. Faino no Centro Comercial As Cancelas.
A día de hoxe, Cash Converters dispón de 71 establecementos abertos ao público en España e 6 en Portugal, entre tendas propias e unha rede de franquías.
No caso da da capital galega, a tenda está situada no Centro Comercial As Cancelas, no local número 44 que conta cunha extensión de 78 metros cadrados.
O obxectivo da empresa é “achegar a segunda man a todo tipo de público, incluído o máis novo, o de menos de 24 anos, que é o que emprega principalmente as canles das transaccións online de Cash Converters grazas a que foi quen de sacudirse os prexuízos relativos aos produtos de segunda man”.
Ademais da compra e venda de produtos usados, Cash Converters vai ofrecer en Santiago de Compostela unha solución que permite aos seus clientes vender o que xa non necesitan a cambio dunha cantidade económica que reciben ao momento e coa posibilidade de recuperalo ao cabo dun tempo.
Doutra banda, estará dispoñíbel a división de microcréditos de Cash Converters, Dineo, coa que a compañía axuda os clientes que non poden acceder a financiamento bancario tradicional, ofrecéndolles unha alternativa de financiamento responsábel, transparente, inmediata e segura.
Tal e como afirma Miguel Giribet, director executivo (CEO) de Cash Converters, "as tendas de Cash Converters son un dinamizador da economía local nas comunidades nas que estamos presentes. A tenda de Santiago vai converter nun espazo no que a xente pode dar unha segunda vida aos produtos que non utiliza, ademais de acceder ás solucións financeiras que poñemos á súa disposición seguindo os nosos principios de transparencia e responsabilidade. Ao mesmo tempo, poden aforrar comprando produtos de primeira calidade e de forma segura, pois garantimos a autenticidade e calidade dos mesmos".
Con esta nova tenda, que abre as súas portas este mércores día 10 de abril, creáronse oito novos postos de traballo en Santiago.

PUBLICIDADE