María José Carreira (CiTIUS) mostra este xoves ao alumnado galego as vantaxes da IA

mércores, 10 de abril do 2024 S. P.

A investigadora do CiTIUS da USC María José Carreira

Será mañá xoves, 11 de abril, cando a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebre a primeira das sesións do V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que terá lugar no IES Illa de Tambo de Marín, ás 10:10 horas. O dito ciclo está encamiñado a alumnado de Secundaria e Bacharelato, co fin de achegar a ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis nova. Sinalar que esta iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo.
O alumnado de Marín asistirá á charla A Intelixencia Artificial nas nosas vidas, que impartirá María José Carreira Noche, profesora titular da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC, e investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, CiTIUS.
A investigadora salienta que o termo Intelixencia Artificial (IA) ten a súa orixe no ano 1956. “Entón, como é que até ben recentemente non se escoitara falar dela? Temos que considerala como amiga ou inimiga? Ante a cantidade de novas que hai agora mesmo sobre os seus usos e ameazas, tentaremos poñela en contexto explorando diferentes actividades nas que está presente sen que o sospeitemos”. Na súa intervención, a profesora da USC explicará que se entende por IA, como foi a súa evolución cara á aprendizaxe automática, afondará nas redes neuronais e na aprendizaxe profunda. “A Intelixencia Artificial tense infiltrado en todos os ámbitos das nosas vidas e non vai deterse. Vendo o aspecto positivo de toda esta automatización, pódenos facer a vida máis doada, permitindo que invistamos o noso tempo nas actividades que sexan máis creativas ou de contacto social” -manifesta-. No eido da saúde, a IA facilita a detección de enfermidades e o desenvolvemento de novos fármacos. Afirma en particular que “un avance moi importante foi no ámbito da bioinformática, no que a cantidade de datos masivos se poden procesar mediante tecnoloxías intelixentes para buscar variantes xenéticas que poidan causar distintas enfermidades, tamén no descubrimento de novos fármacos”.
En canto á cuestión de facer un uso responsábel da Intelixencia Artificial, a experta incide no feito de que “cada vez son máis as novas que están a aparecer relativas á manipulación social; á discriminación por razón de raza, sexo ou clase social entre outras; ás informacións e imaxes falsas (deepfakes); xunto a aspectos negativos como o uso militar da IA, a desigualdade social polo desigual acceso ás tecnoloxías intelixentes, a invasión da privacidade ou a dependencia cada vez maior que podemos ter da Intelixencia Artificial”.

PUBLICIDADE