O Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais realiza o deseño conceptual dunha base humana en Marte

venres, 14 de outubro do 2022 S. P.

O Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais da Universidade de Vigo, dirixido polo profesor Fernando Aguado, vén de realizar o deseño conceptual dunha base humana en Marte e de estudar o seu comportamento térmico. O equipo leva varios anos traballando en proxectos relacionados coa colonización de planetas e satélites do Sistema Solar e colaborando en proxectos concretos como RoboCrane, consorcio integrado pola Universidad de Oviedo, a UVigo e a empresa galega Alén Space que traballa no deseño dun vehículo grúa para explorar o interior de tubos de lava na Lúa.
Continuando con esta liña, membros do grupo veñen de realizar un proxecto que ten nesta ocasión como escenario o planeta Marte e a súa habitabilidade. Os seus resultados foron recollidos nun artigo titulado Conceptual design and research on the thermal performance of a martian human base, publicado na revista Acta Astronáutica da editorial Elsevier. “É necesario propor posibles deseños de hábitat para aloxar a seres humanos nunha contorna tan hostil como a marciana e esta quere ser a nosa primeira contribución neste eido”, sinalan os membros do proxecto.
O traballo, explican os seus responsábeis, parte dunha idea acordada o pasado curso académico entre os profesores da Área de Enxeñaría Aeroespacial Fermín Navarro e Carlos Ulloa e o entón alumno do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, Marcos Salgado, para realizar este último o seu traballo fin de grao nesta temática.
Segundo sinala o equipo da UVigo, “Marte é un planeta cuxas condicións actuais non son axeitadas para a vida do ser humano”. Porén, o seu traballo centrouse en primeiro lugar na análise dos principais aspectos que condicionan a contorna marciana: composición da atmosfera (presión segundo a altitude e cantidade de po marciano presente), temperatura (cun rango moi amplo, desde menos de 100 graos baixo cero ata uns 20 graos), radiación (letal en Marte por non ter magnetosfera) e tipo de solo (que inflúe na temperatura da contorna).
Froito do traballo realizado, o equipo investigador destaca que se presenta “un deseño conceptual do hábitat baseado nunha estrutura fabricada integramente na Terra” e realizado tras “un estudo das alternativas previas, intentando combinar as vantaxes de algunhas á vez que se minimizaban os seus inconvintes”. O hábitat deseñado ten una forma en planta hexagonal, de 4,5 metros cada lado do hexágono, e está formado por tres plantas de 2,8 metros de altura cada unha delas. Os materiais principais empregados foron aliaxes de aluminio. “Definimos unhas estancias para vivenda, con dormitorios, aseos e zonas comúns, e outras estancias para albergar laboratorios, para a realización de experimentos”, detallan os autores do traballo. O proxecto presenta ademais un deseño artístico da base marciana realizado pola deseñadora Irene Pérez, de Tpd Infografías SL, que contribuíu coas súas infografías e impresións artísticas ao estudo realizado.
O proxecto, engaden os seus responsábeis, céntrase no estudo térmico da proposta de deseño. “A temperatura media en Marte é duns
- 60°C, o que fai imprescindíbel controlar a temperatura e estimar as demandas enerxéticas do hábitat proposto”, sinalan. Así, na investigación realízase unha análise térmica teórica da base deseñada, comprobando a influencia dun conxunto de parámetros e realízase un caso particular co software ESATAN, unha ferramenta líder no sector espacial europeo para as misións da ESA. Ademais, o Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais realizou unha análise de sensibilidade dos parámetros principais do modelo térmico, engadindo aos anteriores parámetros máis específicos, como a velocidade do vento marciano ou elementos do deseño interior do hábitat. Por último, avaliaron a variación diaria da temperatura para obter os mellores criterios térmicos para a selección espazo-temporal da base.
Os resultados amosan, segundo indica o equipo, “a relevancia do illamento do módulo con respecto ao solo de Marte xa que se debe aplicar un método de illamento térmico para garantir o benestar dos habitantes da base marciana”. Desde o modelo teórico inicial, subliñan, “quedou claro que os parámetros clave son o illamento da base da estrutura e os acabados superficiais para maximizar a cantidade de calor que se absorbe do Sol á vez que se minimiza a emisión de radiación térmica ao exterior”.

PUBLICIDADE