O Grupo Femxa salienta a calidade do programa do Congreso Internacional AJE Galicia

xoves, 28 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

O Grupo Femxa, consultoría de formación con presenza en toda a xeografía estatal (incluídos dous importantes centros de operacións en Vigo e na Coruña), vén de anunciar o seu firme apoio á quinta edición do Congreso Internacional AJE Galicia, do que falamos hoxe mesmo, en Código Cero, con motivo da participación de Jesús Calleja e do seu particular método de chegada. Femxa participará no evento, que se desenvolve os días 5 e 6 de xullo en Vigo baixo o lema Talento Creativo na Rede 2012, en labores de patrocinio. A xuízo da consultoría, o evento galego ten todo o potencial preciso para engaiolar aos participantes, “xa que aborda asuntos que están á orde do día no eido empresarial, polo que se trata dunha cita ineludíbel para tódalas persoas que se integran neste colectivo”.
Para o Grupo, é importante subliñar que se trata dun “escenario axeitado para o intercambio de experiencias e puntos de vista sobre a innovación empresarial”, cousa á que vai contribuír, sen dúbida, o feito de contar coa presenza de persoeiros como Jesús Calleja, Richard Stallman (unha das máximas eminencias mundiais en código aberto) ou Carlos Jean, que durante as devanditas xornadas transmitirán as súas experiencias como emprendedores ou como líderes dunha ideoloxía, estratexia ou espírito innovador. Cómpre lembrar que no congreso tamén participarán activamente Miguel Silva, vicepresidente de Blusens, Javier Pedreira Wicho, autor e confudador de Microsiervos, Manuel Pontes, director de Dnet, Pilar Rodríguez, empresaria e fundadora de Pili Carrera, ou Richard Taunton, experto en organización e recursos humanos.
A xuntanza está aberta á participación de empresarios de moi diversas áreas de actividade e países, cos que AJE Galicia mantén unha estreita relación. Entre os temas a tratar máis salientábeis e que máis preto nos tocan en Código Cero, atópase o dos cambios que está a xerar Internet e o afianzamento das novas tecnoloxías nos escenarios polos que se decote se moven os empresarios e emprendedores. Neste senso, un dos relatorios desenvolverase baixo o epígrafe O futuro das comunicacións en Internet.

PUBLICIDADE