O Goberno salienta que España está a cabeza de Europa en rede de fibra até o fogar

luns, 5 de setembro do 2016 Redacción

España, segundo o Goberno, xa ten hoxe en día a rede de fibra até o fogar máis extensa de Europa. Este dato foi achegado hoxe durante a inauguración do 30º Encontro de Telecomunicacións e Economía Dixital (Universidade Internacional Menéndez Pelayo de Santander) polo secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Víctor Calvo-Sotelo, quen engadiu que a devandita rede, “a de meirande envergadura de Europa”, conta arestora con 22,5 millóns de accesos instalados (fronte “aos 15,3 millóns de hai un ano e 1,6 millóns de 2012”, matizou).
O secretario de Estado comezou a súa intervención destacando “o intenso traballo realizado durante estes anos” e sinalou que “a transformación dixital do noso país avanza a bo ritmo”. Ao fío disto, lembrou “a cuarta posición que ocupa España segundo o DESI, un indicador utilizado pola Comisión Europea para medir a Dixitalización da Economía e Sociedade dos estados membros”. E engadiu: “España foi o cuarto país que máis medrou no último ano”.
Nun plano máis concreto, dixo que “o 13,8% das conexións a Internet en España son xa de máis de 100 Mbps e a penetración de banda larga móbil do 80%”.

PUBLICIDADE