O Goberno quere regular o crowdfunding en España

venres, 28 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

O ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos, deu conta hoxe do Anteproxecto de Lei para o Fomento do Financiamento Empresarial, que presentouse hoxe ante o Consello de Ministros e que ten como obxectivo “facilitar fluxos de financiamento alternativos aos bancarios para as PEME” destacando o feito de que quere regularse o funcionamento das campañas de crowdfunding.
O Anteproxecto de Lei pretende establecer obrigas para as plataformas de micromecenado, de grande utilidade para que os proxectos empresariais en fases iniciais do seu desenvolvemento poida acadar financiamento directo, que buscando protexer aos investidores poderían afogar esta fórmula nalgún caso ao limitar a cantidade máxima que un investido poida achegar a un proxecto a só 3.000 euros, á vez que só podería investirse 6.000 euros/ano por plataforma.
O borrador tamén poría un tope de 1 millón de euros ao importe que podería captarse a través do micromecenado, obrigando ás plataformas que o sustenten a ter un capital social igual ou superior aos 50.000 euros ou, en caso de carecer do mesmo, contar cun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura anual de 150.000 euros. As plataformas tamén deberán rexistrarse na CNMV e o Banco de España, e obrigará aos promotores de proxectos a estar validamente constituídos en España (en caso de estarmos ante persoas físicas, deberán ter residencia fiscal en España). O Anteproxecto de Lei tamén fixa un réxime de sancións con multas de entre 25.000 e 200.000 euros, así como a posibilidade de impedir operar durante un prazo de ata 5 anos aos infractores das normas establecidas.
Varias das plataformas de crowdfunding actuais están a agardar a ler o texto completo do borrador para manifestarse sobre o mesmo, aínda que dende Lánzanos xa se adiantan que a súa redacción é confusa e critican o excesivo control aos que someterán ás plataformas e as limitacións ás cantidades que poden achegarse por esta canle, que levarían a que investidores como os business angels non puidesen optar por esta fórmula de financiamento para inxectar capital nunha startup.

PUBLICIDADE