O Goberno presenta Espazo Avanza, unha actividade itinerante para propagar as vantaxes de Internet alí onde sexa preciso

mércores, 18 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Que Internet segue a ser para moitos e moitas unha especie de home do saco é unha realidade da que o Estado español non semella darse ceibado (e Galiza non é unha excepción… todo o contrario).
Na liña de convencer á máxima cantidade posible de non-internautas españois de que a Rede non morde e de que é moi vantaxosa para adquirir formación e para comunicarse é onde hai que situar Espazo Avanza, unha iniciativa que quere voar máis alto do que semella nun principio.
De feito, un dos seus grandes obxectivos é equiparar o nivel de desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento en España co do resto de Europa, e entre as diferentes Comunidades Autónomas entre si. Máis polo miúdo, o que pretende o Ministerio de Industria (responsable do proxecto) é “formar e informar de xeito entretido, sinxelo e directo a familias, mozos, universitarios, profesionais, pemes e colectivos en risco de exclusión da Sociedade do Coñecemento”. O programa levarase a cabo de forma conxunta cos gobernos autonómicos e en colaboración con empresas e asociacións tecnolóxicas.
Espazo Avanza, que tomará corpo nun recinto transportable de 1.700 metros cadrados de superficie, inclúe actividades dunha semana de duración en 20 cidades de toda España. Unha vez que se habilite o recinto, os organizadores dedicaranse a convocar o maior número de colectivos cidadáns e empresariais, co fin de achegarlles as vantaxes da aplicación das novas tecnoloxías. O lema do programa será Únete ó plan.

PUBLICIDADE