O Goberno pon a disposición das empresas 140 millóns para avanzar en transformación dixital

mércores, 13 de abril do 2022 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou este mércores que o Ministerio de Industria pon a disposición das empresas e pemes 140 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para avanzar na transformación dixital da industria de Galicia. Segundo explicou, o Boletín Oficial do Estado publicou este 13 de abril o anuncio das axudas Activa Financiamento, de apoio financeiro a proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito da Industria Conectada 4.0.
José Miñones lembrou que transformación dixital das empresas e da industria é un dos obxectivos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, un de cuxos programas, Activa Financiamento, está dirixido especificamente á industria e complementa outras iniciativas que xa están en marcha como son a do Kit Dixital. Neste senso, o delegado salientou que a partida actual de Activa Financiamento mobiliza 45 millóns de euros máis que a de 2021. Tamén destacou que as axudas poden cubrir o 80% do custo do proxecto, desde a contratación de investigadores e persoal externo ata a adquisición de software e a implementación na cadea industrial.
O Programa Activa Financiamento ten como obxectivo apoiar a incorporación de coñecementos, tecnoloxías e innovacións destinadas á dixitalización dos procesos e á creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados e de maior valor engadido nas empresas industriais. Entre as iniciativas que poden subvencionarse están as solucións para o tratamento avanzado de datos; solucións de Intelixencia Artificial, proxectos de simulación industrial (xemelgo dixital), deseño e fabricación aditiva (simulador 3D, I+D+i, novos procesos ou novos materiais e tintas…); proxectos de Realidade Aumentada, Realidade Virtual e Visión Artificial e robótica.

PUBLICIDADE