O Goberno pechará unha ducia de compañías de xogo en liña

martes, 6 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

O Ministerio de Facenda vai pechar unha ducia de empresas de xogo en liña co obxectivo de regular o mercado. Ou, como sinala o xornal Expansión na súa edición en papel, coa finalidade de “poñer disciplina”. Neste senso, para acadar a máxima eficacia na resolución, a Dirección Xeral do Xogo, dependente de Facenda, deu dez días a estas compañías de xogo en liña (que non atenden as normas esixidas polo Goberno e que se ramifican noutras webs que fan máis complexo o seguimento) para cesar actividade.
As empresas que están no punto de mira de Facenda son Intera NV, RM Royal Media Group NV, Dreammakers Gaming Tech, Media Entertainment NV, Uwin Poker, 10bet.com, Come On Europe, BML Group, Misdasplayer, Tempo Gaming Limited, Pacific Sea Invest Europe e Globet International Sports. Por certo que, segundo apunta o Goberno, os xogadores-internautas que apostan nestes sitios corren o risco de perder os fondos que teñan acubillados neles cando se proceda ao seu peche, polo que se lles recomenda que os retiren o antes posíbel. O cesamento da actividade destes servizos pode vir acompañado de sancións de até 50 millóns de euros. Todas estas empresas investigadas carecen das licenzas esixidas, son estranxeiras e teñen fortes ligazóns con paraísos fiscais como as Bermudas ou as Illas Caimán. Amais, son focos importantes de fraude ao consumidor e adoitan a permitir a actividade no seu seo de internautas menores de idade.

PUBLICIDADE