O Goberno levará a banda larga a 1.320 empresas e fogares de Ribas de Sil

martes, 16 de xaneiro do 2024 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou este martes 16 de xaneiro o concello de Ribas de Sil para manter un encontro institucional co alcalde e algúns dos concelleiros do equipo do Goberno local coa intención de afondar en diversos plans e programas, incluídos os proxectos do Concello apoiados con fondos estatais. Isabel Rodríguez abordou co alcalde, Miguel Ángel Sotuela, a posta en marcha de Internet de alta velocidade do programa Único – Banda Larga que permitirá que máis de 1.320 empresas e fogares teñan conexións de 300 Mbps, con posibilidade de chegar a curto-medio prazo até os 1 Gbps.
Mencionaron tamén a posta en marcha de accións encamiñadas á mellora e eficiencia enerxética do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico a través do IDAE para a renovación de instalacións do alumeado exterior de varias parroquias e aldeas do municipio.
“Con estes programas, o Estado quere garantir que os concellos que forman parte do Reto Demográfico conten coas mesmas oportunidades que os concellos máis grandes e poidan frear e loitar contra o despoboamento do rural, facéndoo máis atractivo e vivo”.
Así, a subdelegada tamén lle tendeu a man ao alcalde para informarlle de que a subdelegación estará aí cando o precise “para camiñar xuntos e seguir mellorando o seu concello con melloras substanciais para o municipio”.

PUBLICIDADE