O Goberno inclúe a Pontevedra na súa vindeira experiencia co voto electrónico

luns, 13 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Probablemente non se poida falar aínda de eAdministración en toda regra mentres a sociedade non teña a capacidade real de votar pola vía electrónica, alén da experiencias puntuais que non pasaron precisamente diso: de experiencias. A cuestión é de índole práctica (por fin poderemos exercer o noso dereito dende onde nos veña mellor), pero tamén simbólica: o simple acto de votar é en si mesmo a representación gráfica da nosa en ocasións dubidosa participación nunha vida política dubidosa. Esta normalización máis ou menos definitiva dun novo tipo de relación institucións-sociedade, a cidadanía dixital, vai ter á nosa terra como un dos principais escenarios de probas, máis polo miúdo a cidade de Pontevedra, que segundo informa estes días Vieiros foi un dos núcleos de poboación escollidos para pór en práctica o sufraxio dixital con motivo das eleccións europeas do 7 de xuño.
A idea, amais de modernizar o sistema electoral, é ir dándolle corpo e posibilidade de futuro ao que até de agora semellaba un feixe de espalladas probas piloto de votación en liña, incluídas as que ao longo dos últimos anos foron desenvolvidas en parte da nosa xeografía. Detrás desta iniciativa atópase o Ministerio de Interior, quen xa lle fixo chegar a proposta (reflectida por El Periódico de Catalunya) aos diferentes partidos políticos.
Por certo que amais dos de Pontevedra, tamén concorrerán nesta experiencia os colexios electorais das circunscricións de Lleida e Salamanca. A iniciativa atópase neste intre en fase de consulta cos diferentes partidos políticos do Estado (sendo logo valorada pola Xunta Electoral Central), froito do cal xa puideron transcender algúns dos principais puntos de vista máis críticos. Por exemplo o do Partido Popular, quen amosou a súa desconfianza na preparación tecnolóxica das persoas encargadas das mesmas á hora de levar a bo porto o traballo de recepción e reconto.

PUBLICIDADE