O Goberno impulsa a dixitalización da Xustiza co programa lus+Red

xoves, 22 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Os Ministerios de Industria e Xustiza veñen de formalizar un convenio de colaboración para o desenvolvemento de servizos públicos dixitais no eido da Administración de Xustiza. A iniciativa, presentada baixo o nome Programa lus+Red, será canalizada a través da entidade público-empresarial Red.es, buscándose con ela unha modernización integral (máis eficacia, axilidade e proximidade ao cidadán) do dito eido administrativo. O acordo, entre outras cousas, establece a posibilidade de que as comunidades autónomas con competencias en materia de Xustiza subscriban convenios de colaboración para cofinanciar actuacións de interoperabilidade e de difusión.
O Ministerio de Xustiza financiará o programa con 47.429.753 euros, e o de Industria con 29.110.882 euros.
Os orzamentos destinaranse, entre outras medidas concretas, á dixitalización da función rexistral nos Xulgados de Paz, a equipar con mellores e maiores servizos ás salas de visitas habilitadas (que terán sistemas dixitais de gravación audiovisual e videoconferencias co fin de rexistrar imaxes que poidan empregar en xuízo como proba) e á instalación de quioscos dixitais ao servizo dos cidadáns.

PUBLICIDADE