O Goberno galego impulsará a dixitalización de dúas ducias de centros arquivísticos

venres, 16 de setembro do 2022 S. P.

A Xunta vai aprobar este outono o Plan de Arquivos, unha folla de ruta que busca optimizar a xestión documental e que representa unha forte aposta pola dixitalización do patrimonio arquivístico. Os seus detalles foron presentados este 16 de setembro polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Segundo dixo, plan impulsará a difusión nos centros arquivísticos xestionados pola Administración autonómica, un total de 23.
Lorenzo engadiu que a tramitación do plan atópase xa nas últimas fases e estará organizado en tres liñas estratéxicas e 40 accións tanto para mellorar e ordenar os recursos persoais e materiais, como optimizar a organización e funcionamento destes equipamentos.
Aplicarase nos centros xestionados pola Xunta: 12 arquivos centrais, que corresponden ás distintas consellerías; seis territoriais dependentes das delegacións da Xunta, os catro arquivos históricos provinciais e o Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura.
“Achegaremos máis e mellor a actividade dos arquivos e servizos a todos os cidadáns, e a dixitalización xogará un papel cada vez máis relevante, na liña do realizado nos últimos años”, expresou Lorenzo, destacando a importancia destes equipamentos na política cultural da Xunta e fixo balance do traballo emprendido nos últimos anos para a súa posta en valor e mellora, cun investimento anual de 4,5M€.

PUBLICIDADE