O Goberno galego impulsa unha plataforma para as empresas concesionarias do transporte de viaxeiros

martes, 4 de febreiro do 2014 Redacción

O sector galego do transporte público contará cunha plataforma tecnolóxica destinada entre outras cousas a mellorar a atención e o servizo á cidadanía. Máis polo miúdo, trátase do Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade (SAE), liderado polo Goberno galego e con data de posta en marcha fixada para xuño de 2015. De xeito complementario á devandita optimización da oferta das empresas, a plataforma permitirá ás compañías contratistas dos servizos públicos de transporte dispor deste servizo sen necesidade de dotarse dun SAE local propio. Segundo informa a Xunta, “a incorporación deste sistema é unha das obrigas establecidas no Plan de Modernización das concesión de transporte público para toda a flota de transporte regular de persoas, que dá servizo anualmente a 25 millóns de usuarios, a través de máis de 1.000 autobuses”.
Polo tanto, estamos ante unha iniciativa que fai doada a actividade das empresas e é quen de ceibalas do delicado traballo de integrar e asumir no seu seo determinadas tecnoloxías. En palabras do Goberno galego, os empresarios “terán a posibilidade de integrarse nun proxecto tecnolóxico que lles evitará asumir a complexidade tecnolóxica da iniciativa e permitirá obter aquela solución que mellor acaia dende o punto de vista técnico e funcional ás súas necesidades”. E todo isto “nunhas mellores condicións económicas grazas o uso de economías de escala”. O custe por vehículo para a dotación do equipamento tecnolóxico e a súa conexión permanente co Centro Operativo da Mobilidade de Galicia será duns 70 euros ao mes para as empresas que se adhiran ao proxecto.
Todos estes detalles foron dados a coñecer perante as empresas concesionarias polo conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, nunha xuntanza de traballo celebrada o primeiro de febreiro en Santiago. Entre outras cousa, fíxose saber na cita que o Sistema de Axuda a Explotación “é unha ferramenta de xestión que permitirá ás empresas concesionarias a localización e posicionamento en tempo real dos vehículos, unha mellor regulación do servizo ao controlar o desfase do vehículo respecto da posición ou ruta prevista e proporcionará información sobre o número de usuarios e o pago do servizo”.
A devandita información será emitida en tempo real ao Centro Operativo da Mobilidade de Galicia. Por certo que o sistema posibilitará “a comunicación bidireccional entre o bus e o centro de control, unha mellor vixilancia e seguimento dos vehículos, o control da calidade na condución, así como a xestión de incidencias e optimización da explotación do servizo, xa que as empresas poderán planificar en base a información recollida sobre quilómetros percorridos, o desfase da ruta e do tempo establecido, o número de viaxeiros, os parámetros de funcionamento dos vehículos”.
No que respecta ás vantaxes que poderemos da iniciativa os cidadáns galegos, dicir que para os responsábeis da mesma resúmense en boa medida no seguinte: canto máis e mellor uso de faga da tecnoloxía por parte das empresas do sector do transporte público, mellor servizo obteremos, e máis completo. Así, a implantación do Sistema de Axuda á Explotación permitirá “que calquera cidadán poida acceder a través de ferramentas web, e dispositivos móbiles, a información en tempo real sobre o horario no que os autobuses pasarán pola súa parada, eliminando a incerteza da espera”. Do mesmo xeito, ao facilitar un control automatizado do cumprimento da oferta de servizos, “mellorará a fiabilidade dos propios servizos e, por tanto, a súa calidade, fixeron saber Agustín Hernández e Mar Pereira na súa xuntanza cos empresarios da nosa terra. Por outra banda, cómpre ter en conta que os cidadáns, en base á dita iniciativa, poderemos planificar viaxes previamente ou sobre marcha, dispoñendo de ferramentas para a procura das mellores combinacións de desprazamentos.
Trala súa aprobación no último consello da Xunta, nos vindeiros días publicarase no DOG a resolución coas especificacións funcionais para a implantación de SAE, que inclúe os formularios para adherirse ao proxecto ou para implantar un sistema propio. Desde a súa publicación as empresas concesionarias terán un prazo de 15 días para trasladar a súa decisión a Administración. A partir desa data abrirase o proceso de licitación do proxecto e a posterior adxudicación. O proxecto de implantación do SAE de Xunta prevé que as empresas que se adhiran poidan concorrer a unha contratación global xunto coa Xunta de Galicia, co que se garantiría tanto unha mellora no produto ofertado como no seu prezo para todos os participantes, sendo a primeira ocasión na que a Xunta de Galicia utiliza este procedemento de contratación.
Como dixemos, a data prevista de entrada en funcionamento do SAE da Xunta é xullo de 2015. O sistema licitarase por un importe de 1,8 millóns de euros e suporá un investimento conxunto da Administración e as empresas do transporte de viaxeiros por estrada de 5.000.000 euros ata o 2019.

PUBLICIDADE