O Goberno galego contribuirá con 26 millóns á transformación 4.0 de 600 empresas

venres, 28 de decembro do 2018 Redacción

O Goberno galego anunciou onte unha achega de 26,3 millóns de euros para impulsar a transformación tecnolóxica das nosas empresas: a adaptación plena aos máis innovadores xeitos de producir e facer mercado. En termos máis concretos, a devandita contía irá destinada a favorecer a dixitalización e os modelos produtivos propios da Industria 4.0 (máis automatización, máis interconexión, máis eficiencia, máis sustentabilidade e máis eficacia) en arredor de 600 firmas da nosa terra.
A Xunta engadiu que se trata dunha iniciativa que prevé mobilizar en total máis de 70 millóns de euros en tres liñas de axudas: a terceira edición do programa Fábrica Intelixente; as axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA); e os apoios do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) á dixitalización.
Respecto das axudas de Fábrica Intelixente, as beneficiarias serán as compañías sen ningún tipo de restrición en canto ao seu tamaño; e os organismos de investigación cun centro permanente en Galicia e que poidan asumir, como mínimo, o 15% do orzamento total do proxecto.
En relación ao segundo programa: as axudas da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), por valor de 8,6 millóns de euros, o Goberno galego sinalou que o obxectivo é apoiar 90 PEME e microempresas favorecendo a súa competitividade e incentivando o seu proceso de medre.
No que atinxe aos apoios para a dixitalización da Industria 4.0, o IGAPE apoiará con 5 millóns de euros a transformación tecnolóxica do tecido empresarial galego, coa previsión de mobilizar 13,28 millóns de euros para xerar proxectos colaborativos de dixitalización e apoiar ás empresas que invistan nestes procesos para cubrir as súas necesidades.
Para iso, a Xunta apoia o desenvolvemento de obradoiros de dixitalización, é dicir, espazos de colaboración desenvolvidos por un mínimo de 6 empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración para poñer en marcha ferramentas dixitais.

PUBLICIDADE