O Goberno galego activa un programa para capacitar en habilidades TIC ás emprendedoras

luns, 14 de febreiro do 2022 S. P.

A Xunta estrea este luns 14 de febreiro un novo programa formativo destinado mellorar a capacitación dixital de mulleres e axudalas a encamiñar as súas ideas empresariais ao mundo web. Un total de 14 emprendedoras, todas elas beneficiarias das liñas EMEGA, recibirán clases en remoto para mellorar as súas habilidades tecnolóxicas.
Con esta iniciativa, de nome Emegas XXI: Mulleres desenvolvedoras web, o Goberno galego espera “que as emprendedoras poidan acceder a novos coñecementos que lles permitan ampliar as súas perspectivas e mesmo engadir propostas de valor ás súas ideas empresariais”.
A formación desenvolverase ata o próximo 14 de maio. Consta de 160 horas lectivas nas que as alumnas recibirán unha introdución ao uso de ferramentas tecnolóxicas, ás linguaxes informáticas e de programación e a nocións de deseño gráfico.
A Xunta financia esta actividade con 18.000 euros, destinados aos custos do seu desenvolvemento, que correrá a cargo de expertos en enxeñaría técnica, formación e xestión documental.
“Con esta medida”, informa o Goberno galego, “as mulleres participantes gañarán autonomía para poder xestionar a súa presenza web, deseñar ou cambiar as súas páxinas, ou deseñar blogs ou outros espazos partindo de coñecementos básicos das linguaxes, evitando depender para todo de servizos técnicos externos”. Ademais “adquirirán os coñecementos para poder comunicarse mellor con estes, de ser preciso”.
O curso diríxese a mulleres de diferentes ramas de coñecemento: médicas, fisioterapeutas, dietistas e nutricionistas, veterinarias, arquitectas, avogadas, docentes, periodistas, filólogas... O Goberno galego traballa coa expectativa de que tras a formación poidan definir novas estratexias de negocio baseadas nos coñecementos adquiridos.
A formación terá un carácter eminentemente práctico, que permitirá ás participantes desenvolver o seu propio proxecto web unha vez rematada a actividade. Ofrécese en formato remoto, con clases gravadas e titorías individuais. Ademais as mulleres participantes contarán cun servizo inicial de mentorización.

PUBLICIDADE