O Goberno e as plataformas tecnolóxicas unen esforzos para relanzar o eDNI

xoves, 30 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O Goberno central (a través dos ministerios de Industria e o Interior) e as patronais tecnolóxicas veñen de asinar un acordo de cooperación para darlle un novo pulo ao DNI electrónico e ás súas principais vantaxes e funcionalidades, para a gran maioría dos cidadáns do estado español un misterio aínda por descubrir. A xuízo dos asinantes, o pulo en cuestión chega nun intre decisivo para o desenvolvemento real de dita ferramenta identificativa: agora que xa hai máis de 11 millóns de documentos expedidos. A idea deste peche de fileiras arredor do eDNI non é outra que emprazar a España entre os países máis avanzados do mundo. Potencial, a xuízo do Goberno e as patronais, non lle falla: practicamente imos camiño de estar todas e todos en disposición de facer emprego da sinatura electrónica (unha das achegas do eDNI).
O problema, como case sempre, é que moi poucos cidadáns teñen os recursos ou o interese de dar o paso e tirarlle partido dixital á súa tarxeta. Co fin de solucionar este problema, e incrementar a información sobre o eDNI, é para o que se constituíu a colaboración presentada hoxe.
O convenio estará vixente durante un período de tres anos e inclúe, entre outras accións, as seguintes:
· Promover entre as empresas fabricantes e comercializadoras de computadores, portátiles e outros dispositivos electrónicos que os novos modelos que se poñan no mercado español leven incorporado un lector de DNI electrónico.
· Desenvolver e promover o uso dun logo que lles indique aos cidadáns a incorporación dun lector de eDNI nos ordenadores, portátiles e outros dispositivos electrónicos.
· Impulsar campañas de promoción e popularización das vantaxes do eDNI para facer máis doado o coñecemento dos seus usos avanzados por parte da sociedade.
· Promover o desenvolvemento e adaptación de aplicacións informáticas que estean capacitadas para aceptar e ofrecer servizos baseados no emprego do DNI electrónico e avaliar as medidas técnicas que poidan potenciar a facilidade de uso do mesmo.
Por certo que o investimento destinado polo Goberno ao eDNI dende o seu lanzamento foi de máis de 314 millóns de euros, orzamento e pulo no que colaboraron os ministerios de Industria e Interior. Neste intre, a totalidade das comisarías que expiden documentos identidades achegan unicamente o novo formato, útil para relacionarse a través de Internet acreditando identificación e sinatura electrónicas “seguras coas empresas, as administracións e os particulares”, sinala o Goberno.

PUBLICIDADE