O Goberno central investirá 5 millóns de euros máis na modernización da Xustiza galega

mércores, 6 de marzo do 2013 Redacción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na clausura do I Encontro Dintel co sector público Tecnoloxías e servizos públicos na Administración galega do século XXI

Durante a clausura do I Encontro Dintel co sector público Tecnoloxías e servizos públicos na Administración galega do século XXI o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, analizou os progresos do Plan Senda 2014 para a modernización da Xustiza, no que o Goberno galego leva investido 13,7 millóns de euros (destinados principalmente á renovación de equipos informáticos, a implantación da videoconferencia e a realización de notificacións telemáticas) e avanzou que nos vindeiros días vai asinarse un novo convenio co Goberno central que suporá un investimento doutros 5 millóns de euros neste ámbito, polo que “Galicia será a primeira comunidade en colaborar co Ministerio de Xustiza para o desenvolvemento do plan tecnolóxico estatal para a modernización da Xustiza”.
Feijoo insistiu na necesidade de apostar pola tecnoloxía para mellorar a nosa competitividade, compromiso que o Executivo galego concerta na Axenda Dixital 2014.gal e que estase a actualizar para marcar novos obxectivos ata o ano 2020 (na liña da estratexia europea a tal respecto).

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, inaugurou o I Encontro Dintel co sector público

A Axenda Dixital conseguiu ata o momento un investimento público e privado de 600 millóns de euros, o que permitiu avanzar na cobertura de banda larga no noso territorio, iniciar unha nova etapa no sistema educativo (co programa Abalar) e mellorar o ámbito da Sanidade coa receita electrónica, o historial electrónico e o Hospital 2050.
As medidas da Xunta no sector TIC artéllanse a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que en boca da súa directora, Mar Pereira, quixo deixar constancia no encontro da Fundación Dintel dos esforzos que están a desenvolverse para mellorar os servizos públicos, a competitividade dos sectores produtivos e a diminución da fenda dixital.

PUBLICIDADE