O Goberno avala a transformación de Ourense no primeiro destino turístico smart do eido estatal

venres, 10 de xuño do 2016 Redacción

O Goberno central vén de darlle un importante impulso ao proxecto de Destino Turístico Intelixente da Deputación de Ourense. En termos máis concretos, o Executivo confirmou o potencial da provincia galega para ser a primeira provincia smart do conxunto do Estado. Deuno a coñecer onte Antonio López de Ávila, presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), pertencente ao Ministerio de Industria, na celebración da xornada Destinos Turísticos Intelixentes, comercialización e experiencias Spain.info, que se desenvolveu no balneario de Laias (Cenlle), coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e de medio cento de profesionais da cultura e o turismo de toda a provincia.
No marco desta reunión, López de Ávila salientou o labor que está a desenvolver a Deputación de Ourense “coa posta en marcha de iniciativas innovadoras aplicadas á xestión turística, sinaladamente no ámbito do termalismo social e deportivo, que se traducen en promoción e competitividade para a provincia de Ourense”. Neste senso, o presidente de SEGITTUR certificou a capacidade deste territorio galego para ser “a primeira provincia co distintivo Destino Turístico Intelixente”. Tamén dixo, valorando as posibilidades que se abren con esta acreditación, que ser destino smart supón “aplicar os últimos avances tecnolóxicos na xestión, xeo-localización e posicionamento turístico na procura de novos mecanismos para impulsar a innovación nos destinos co desenvolvemento das novas tecnoloxías, para crear servizos diferenciais e competitivos con base na tecnoloxía aplicada ao turismo”.
Baltar, pola súa banda, expresou a súa confianza en acadar os pulos orzamentarios precisos, principalmente a través de financiamento europeo, e máis tendo en conta que “a iniciativa xa ten espertado o interese doutros territorios dentro e fóra de España, tratándose como se trata dun proxecto no que a Deputación actúa como eixe vertebrador de todos os concellos á hora de prestar servizos aos cidadáns".
Na xornada, organizada polo INORDE, desenvolvéronse dous relatorios, un a cargo de Antonio López de Ávila, quen falou da aposta de futuro que supoñen os Destinos Turísticos Intelixentes, e Patricia Zapardiel, directora de Proxectos de SEGITTUR, quen ofreceu claves de impulso e asesoramento para a creación e comercialización de experiencias turísticas a través do portal oficial de turismo de España www.spain.info.

PUBLICIDADE