O Goberno asigna 4,4 millóns a Galicia para impulsar a formación da FP en novas tecnoloxías e biofarmacia

mércores, 5 de xaneiro do 2022 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo un repaso polo traballo que vai despregar este ano o Executivo central para o impulso da Formación Profesional nun contexto de grandes transformacións do mercado laboral e das necesidades empresariais (moi envorcadas coa innovación co disruptivo). En concerto, destacou a asignación de 4,4 millóns de euros á Xunta de Galicia para Formación Profesional en once sectores estratéxicos emerxentes, como as novas tecnoloxías da información ou a biofarmacia. Esta aposta, dixo, implicou unha consignación de 84 millóns de euros á Xunta o ano pasado, dentro do Plan de Modernización da FP, para “garantir á mocidade galega educación e emprego de calidade”.
Os devanditos sectores son os seguintes: as novas tecnoloxías avanzadas da información, as máquinas-ferramenta automatizadas e robótica, os equipos aeronáuticos, os equipos de transporte ferroviario moderno, os vehículos baseados en enerxía e equipos novos, a maquinaria agrícola, os novos materiais, a biofarmacia e os produtos médicos avanzados, a cadea de consumo con fabricantes e distribuidores, a hostalaría e turismo e o servizo de atención a persoas.
As accións atenderán de forma prioritaria a formación en competencias emerxentes, que son “as que terán emprego de forma máis inmediata”, sinalou, engadindo que o obxectivo é “dar nova cualificación profesional ou mellorar a existente da poboación activa”. Para iso, Miñones explicou que “ademais dos sectores estratéxicos mencionados, o Goberno traballa con especial interese nas áreas de reto demográfico e no coidado de persoas”.
José Miñones explicou que o Executivo consignou o ano pasado 84 millóns de euros á Xunta, dentro do Plan de Modernización da FP para garantir á mocidade galega educación e emprego de calidade. Detallou que a nova Lei de Formación Profesional é “unha peza indispensábel para consolidar un modelo produtivo que intensifique os procesos de creación de valor e de emprego de calidade”.

PUBLICIDADE