O Goberno apoiará proxectos de I+D con 394 millóns de euros

martes, 7 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Goberno central aprobou a semana pasada unha partida de 394 millóns de euros para impulsar con axudas proxectos de Investigación e e Desenvolvemento ao abeiro das dúas principais convocatorias da materia: por unha banda I+D Xeración de Coñecemento, dotada con 125,5 millóns de euros, e pola outra I+D+i Retos Investigación, que terá un financiamento de máis de 268 millóns de euros. As convocatorias serán publicadas no BOE nos vindeiros días e o prazo de presentación de solicitudes comezará en setembro. Apoiaranse proxectos de economía dixital, transporte intelixente ou eSaúde.
A Axencia Estatal de Investigación, dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, xestiona ambas as convocatorias, que representan, nas súas palabras, “as máis importantes axudas en España para proxectos de I+D e das que poden ser beneficiarios as universidades, os centros públicos e os centros privados sen ánimo de lucro”.
Respecto da segunda convocatoria, vén cunha contía de 268,2 millóns de euros para axudas a proxectos cuxo obxectivo sexa contribuír a resolver aspectos do oito grandes retos sociais recollidos estratexia estatal do Goberno en materia de innovación, ciencia e tecnoloxía. Nestes desafíos están incluídas iniciativas de eSaúde e envellecemento activo, enerxía segura e sustentábel, transporte smart e sustentábel, accións contra o cambio climático ou economía e sociedade dixital.
No que atinxe a outra convocatoria, I+D Xeración de Coñecemento, pon en xogo unha contía de 125,5 millóns para axudas a proxectos de investigación sen orientación temática previamente definida e motivados, explícase, “pola curiosidade científica que teñan como obxectivo principal a xeración de coñecemento e o seu avance, con independencia do horizonte temporal”.

PUBLICIDADE