O Goberno anuncia o pulo definitivo ao eDNI

luns, 26 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A Secretaría de Estado de Telecomunicacións, a tenor das cifras que apuntan a unha clara infrautilización do noso novo documento persoal dixital, vén de anunciar a posta en marcha dun novo plan para impulsar o emprego do DNI electrónico entre a cidadanía e as empresas. O proxecto vai encamiñado tamén a fomentar a achega de servizos e ferramentas informáticas “de confianza” que contribúan a afianzar o seu manexo pleno. Con este obxectivo, actuarase directamente sobre o sector TIC español, achegando axudas, recursos e oportunidades. As accións que se integran no plan (entre as que se inclúe unha campaña publicitaria nos grandes medios, reparto gratuíto de 800.000 lectores de eDNI, máis de cincocentas sesións de formación por todo o territorio español e 30.000 de dinamización nas propias Oficinas de Expedición) desenvolveranse por todas as Comunidades Autónomas até o mes de xullo de 2010.
Por certo que entre as actividades da campaña tamén se inclúe o reparto de 4 millóns de folletos informativos, a creación dun portal de información útil para a cidadanía e as empresas sobre as vantaxes do novo documento, ou a elaboración dun catálogo de servizos para o emprego do eDNI. Segundo informa o Ministerio de Industria, cómpre informar que a nova acreditación dixital, que é semellante á de toda a vida, ten como novidade máis salientable a incorporación dun miúdo circuíto integrado (chip) que é quen de gardar datos de xeito seguro e posibilita acreditar de xeito electrónico e inequívoco a nosa identidade. Esta función ten importantes vantaxes de manexo para o eido dixital, co fin de facer operacións comerciais ou administrativas da mesma maneira que se as levásemos a cabo en persoa e nun escenario físico tradicional.

PUBLICIDADE