O Goberno anuncia máis protección fronte os servizos de SMS Premium

xoves, 7 de febreiro do 2008 Raquel Noya

O Ministerio de Industria vén de aprobar a Orde Ministerial reguladora dos servizos de mensaxes curtas de texto (SMS) e das mensaxes multimedia (MMS), incluíndo de xeito destacado a modalidade que permite a descarga de logos, melodías e outros contidos.
Estes últimos servizos, coñecidos como Premium, achegan unha tarificación ó usuario adicional á do servizo soporte de telecomunicacións, e empregan decote números curtos para a súa prestación.
Entre outras cousas, a devandita Orde, que se publicará en breve no Boletín Oficial do Estado (BOE), imponlle ós operadores do servizo telefónico a obriga de garantir ós seus aboados o dereito á desconexión dos servizos de tarificación adicional baseados no envío de mensaxes curtas. A implantación deste mecanismo permitiralle ó aboado que dende a súa terminal telefónica se impida o envío de mensaxes de custe superior a un SMS ordinario ou con determinados contidos para adultos.
Asemade, baixo a nova regulación non está permitido que se esixa ós consumidores o envío de dúas ou máis mensaxes consecutivas, suxeitas a tarificación adicional, para solicitar un servizo.
A Orde tamén semella mellorar sensiblemente a información subministrada ós aboados sobre os prezos e contidos e habilita novos rangos de numeración curta a empregar de obriga para a prestación dos servizos de tarificación adicional baseados no envío de mensaxes. Deste xeito, os números pasarán das catro cifras actuais a cinco ou seis, de xeito que as primeiras cifras indicarán o rangos dos prezos e o tipo do servizo. Está previsto que os números curtos de prezo inferior a 1,2 euros comecen por 2, os que superen este prezo e estean por debaixo de 6 euros por 3, os servizos de subscrición por 79 e os servizos con contidos para adultos por 99.
Finalmente, a Orde obriga a que nas facturas que os operadores telefónicos presenten ós seus aboados se desglose a parte correspondente ó envío das mensaxes soporte que aqueles pagan polo servizo de telecomunicación da parte que retribúe o servizo Premium, que constitúe a tarificación adicional.
Como consecuencia desto último, se o aboado non paga a parte correspondente á tarificación adicional por discrepancias na facturación, non se lle poderá suspender nin o servizo telefónico nin o servizo básico de mensaxeiría.

PUBLICIDADE