O Goberno amplía o colectivo de destinatarios do abono social de telefonía

xoves, 16 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos vén de aprobar hoxe mesmo os cambios do limiar de acceso ao abono social do operador que empresta servizo universal de telecomunicacións, a empresa Telefónica. O obxecto desta medida en concreto é impedir que un bo número de cidadáns con ingresos por enriba do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) fique fóra deste empréstamo encamiñado a pensionistas e xubilados. Deste xeito, o Goberno español quere minimizar as consecuencias da subida das pensións mínimas por riba do dito índice acordada polo propio Executivo. Este incremento, entre outras cousas, achega arestora unha situación na que os ingresos dunha cifra importante de pensionistas foran alén do IPREM e non poidan beneficiarse do abono social. Para solucionalo e ter dereito ao mesmo, en virtude dun acordo adoptado hoxe pola Comisión, o limiar de renda familiar pasa do IPREM ao IPREM x 1,1 co obxectivo de ampliar o espectro de fogares que estea en disposición de apercibir as axudas.
Con estes cambios, o Goberno calcula que o número de beneficiados polo abono incrementarase este ano en 100.000 fogares até un total de 250.000. A intención do Executivo, sinala nunha nota de prensa, é velar polo acceso a un dereito universal, a información e as telecomunicacións, e impedir que fiquen fóra deste acceso os colectivos de cidadáns con necesidades especiais do mesmo.

PUBLICIDADE