O Goberno achega financiamento a dous proxectos tecnolóxicos do CIFP As Mercedes de Lugo

mércores, 12 de xaneiro do 2022 S. P.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou este 11 de xaneiro que o Executivo central (a través do Ministerio de Educación e Formación Profesional) vén de seleccionar dous proxectos tecnolóxicos e innovadores nos que participa o CIFP As Mercedes de Lugo, ao abeiro da última convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos de investigación e transferencia de coñecemento no ámbito da Formación Profesional.
Segundo dixo, o Goberno financia con case 440.000 euros os dous devanditos proxectos nos que participa o centro educativo lucense, xunto con outros centros de Formación Profesional das comunidades autónomas de Castela-A Mancha, Euskadi e Cataluña. Cada un dos centros educativos recibirá 50.000 euros por proxecto.
Unha das axudas, dotada con 220.000 euros, destínase ao proxecto Realidade virtual para a formación en enerxías renovables. Colaboran nel, ademais do CIFP As Mercedes, o CIFP de Aguas Nuevas (Albacete), o Centro de Formación Somorrostro (Biscaia) e o IES Pere Martell (Tarragona), xunto coa empresa Ingeteam Power Techhnology. A finalidade deste proxecto é realizar un simulador virtual para as familias de eficiencia enerxética.
A segunda axuda, por importe de 219.900 euros, destínase ao desenvolvemento do proxecto CIEES Network para a instauración do programa de ensino, aprendizaxe da innovación a través do desenvolvemento de prototipos nunha rede de innovación en centros de Formación Profesional. Nesta iniciativa participan, ademais do CIFP As Mercedes, o CIFP Aguas Nuevas (Albacete), a Goierrri Eskola (Guipúzcoa) e o IES Pere Martell (Tarragona) e a Fundación Economistas Sin Fronteras.

PUBLICIDADE