O Goberno achega 4,6 millóns para completar a conexión de banda larga ultrarrápida en Lugo

venres, 11 de agosto do 2023 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou en Abadín o novo impulso do Goberno para completar a conexión a banda larga ultrarrápida na provincia de Lugo con 4,6 millóns de euros. Segundo lembrou este venres 11 de agosto, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital vén de lanzar a terceira convocatoria do programa Único, a través do cal levarase fibra óptica a 2.319 familias e empresas de zonas remotas e illadas de Lugo.
“O Goberno de Pedro Sánchez inviste 27,1 millóns na provincia, entre as tres convocatorias do plan, estendendo a fibra a 80.503 fogares e demostrando o seu verdadeiro compromiso para acabar coa fenda dixital, garantindo o 100% de cobertura de acceso a Internet de alta velocidade aos máis de 300.000 lucenses”, subliñou Rodríguez.
Xuntanza co alcalde
A subdelegada na provincia trasladouse este venres 11 de agosto a Abadín para manter unha reunión co alcalde, José María López, a Corporación municipal e veciños e veciñas, na que abordaron os avances deste programa no municipio, presente nas primeiras dúas convocatorias do Único Banda Larga, e que achegará a conexión ultrarrápida a 1.566 fogares e pequenas e medianas empresas localizados en 464 puntos do concello onde a día de hoxe non dispoñen desta tecnoloxía.
"Queremos que os nosos municipios estean conectados para que as persoas poidan instalarse e desenvolver neles os seus proxectos de vida, para que a nosa xuventude quede e teña oportunidades e, sobre todo, para salvagardar o futuro do noso rural” sinalou Isabel Rodríguez, quen fixo fincapé na necesidade da formación en competencias dixitais dos cidadáns “para que ninguén quede atrás”.
Tamén lembrou que a presente edición de Único dá continuidade ás postas en marcha en 2021 e 2022 e está destinada a universalizar a cobertura de banda larga ultrarrápida vía fibra como ferramenta de “cohesión social” no marco do Plan de Recuperación do Goberno. “Estas novas axudas permiten seguir avanzando co despregadura das infraestruturas necesarias para garantir unha conectividade adecuada a toda a poboación da provincia co compromiso firme de que no 2025 todos os municipios lucenses estean conectados a internet por banda larga”, dixo.
No caso de Lugo, ao igual que no resto de Galicia, os fogares e empresas beneficiados desta iniciativa atópanse nas chamadas zonas brancas, aquelas que non contan cunha cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos.
A representante do Goberno informou que esta nova convocatoria de axudas para levar a conexión en banda larga mediante fibra óptica, engádese á posta en marcha do programa Único Demanda Rural, que prové de conectividade vía satélite a través de Hispasat a zonas despoboadas de Lugo. Este plan ofrece a posibilidade de contratar unha conexión de, polo menos, 100 Mbps de descarga a un prezo de 35 euros ao mes para os usuarios, sen gastos adicionais e unha axuda de ata 600 euros para o custo da instalación, cunha cobertura do 100% da poboación naquelas zonas onde non hai acceso a redes fixas de polo menos 50 Mpbs. A plataforma para poder facer a contratación é conectate35.es. Este programa é unha solución transitoria que ofrece o Goberno mentres non conclúen os proxectos de extensión da fibra óptica que se están a executar nestes momentos.

PUBLICIDADE