O Gaiás fortaleceu a súa vertente TIC en 2023 coa primeira pedra do Centro de Artes Dixitais e con mostras inmersivas

martes, 26 de decembro do 2023 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación fixo balance da actividade (presencial e dixital) desenvolvida pola Cidade da Cultura de Galicia en 2023, un balance no que destacan os máis de 700 eventos e actividades culturais acubillados (un centenar máis que en 2022) polo complexo do monte Gaías e a posta en marcha da construción do Centro Galego de Artes Dixitais.
Segundo informou a Xunta, “a expansión da actividade explícase pola transformación do Gaiás impulsada polo Goberno galego, converténdoo nunha factoría que produce contidos para ser programados non só nas instalacións da Cidade da Cultura, senón en centros de toda Galicia, coma acontece co ciclo de exposicións de Cidades no tempo, no que se organizan mostras en cada unha das sete principais cidades galegas, así como co seu programa de itinerancias de contidos dentro e fóra de Galicia.
A segunda razón que permite comprender esta expansión apunta a unha maior capacidade do Gaiás (reforzada polo Edificio Fontán) para organizar nos seus espazos eventos institucionais, empresarias ou sociais, algúns deles tan relevantes como o Ecofin, a reunión de ministros de Economía e Finanzas da UE.
En termos xerais, o Gaiás despide 2023 superando de novo a cifra do millóns de visitas e, nunha visión más ampla, situándose por riba dos dez millóns de visitas desde o súa apertura ao público, en xaneiro de 2011.
Dixitalización da cultura
Ao tempo que se iniciou a construción do Centro de Artes Dixitais, en 2023 impulsouse xa o traballo no eido destas tecnoloxías, con proxectos inmersivos como Hábitats. Natureza estendida, que esgotou en días as entradas para o Nadal, ou as experiencias englobadas no Galiverso, proposta que achega o patrimonio á cidadanía a través de aventuras de Realidade Virtual.
O Museo Gaiás, con máis de 100.000 visitantes en 2023, converteuse, en palabras da Xunta, “na principal peza da internacionalización e a divulgación da cultura galega”. Así, se o ano comezaba con Camiños creativos, exposición que contou coa participación dunha trintena de museos europeos, e a itinerancia a París da exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), o mes de decembro remata co anuncio de que o Gaiás será o único destino en España onde se exhiba a exposición Tesouros reais. Obras mestras do Museo de Terra Santa, formando parte Santiago de Compostela dun exclusivo circuíto internacional de só catro cidades.
O programa expositivo incluíu Luz na Terra, coa que se conmemorou o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos, e a colaboración co CGAC para festexar os seus 30 anos, exhibíndose por primeira vez xuntas as obra de grandes dimensións da colección CGAC no Museo Gaiás. Tamén en 2023 puideron contemplarse propostas como Detrás do espello, exposición que lembraba a vinculación de Galicia con figuras relevantes da cultura e ciencia universais, desde Einstein a Hemingway, unha mostra de fotografías de Nicolás Muller ou a antoloxía do pintor galego José María Barreiro.

PUBLICIDADE