O Gaiás deu acubillo á edición de despedida de TEDxGalicia

luns, 4 de decembro do 2017 Redacción

Este sábado celebrouse na Cidade da Cultura a derradeira edición do TEDxGalicia, un evento que se despide logo de ter xuntado, nas súas anteriores convocatorias itinerantes, milleiros de profesionais da “innovación máis innovadora”, as novas tecnoloxías, os formatos artísticos emerxentes e as máis avanzadas metodoloxías de traballo cooperativo (as plataformas de micromecenado, o movemento Maker, etc). A ultima entrega de TEDxGalicia celebrouse novamente (por terceira vez) na Cidade da Cultura e baixo o lema Ultreia, o histórico saúdo peregrino que, no caso concreto desta xornada, foi empregado para facer un chamamento a ollarmos cara a adiante, tanto en innovación relativa a propostas, servizos e produtos, como nos xeitos de traballar adoptados.
No evento participaron case media ducia de relatores compartindo achegas sobre a ciencia, o ilusionismo, o mundo do viño, o arte de contar historias, as tendencias sociais, as comunidades en liña, a música infantil ou o xornalismo; charlas todas desenvolvidas baixo o formato TED, cunha duración máxima de 18 minutos e caracterizadas pola capacidade para trasladaren mensaxes que, en palabras dos impulsores do evento, “inspirasen cambios na audiencia”.
Esta convocatoria obtivo de novo “unha acollida excepcional por parte do público”, con todas as entradas esgotadas desde hai semanas. Os preto de cincocentos asistentes gozaron dunha edición na que, na quenda da mañá, participaron, entre outros, a cantante Uxía Senlle, presentando o proxecto de música infantil María Fumaça; o gaiteiro Anxo Suárez, descubrindo ao público as posibilidades da gaita en estilos musicais menos tradicionais; e o biólogo Xurxo Mariño, relatando a súa experiencia na descuberta de extraordinarios patróns científicos na súa volta ao mundo.
Xunto a eles, o público escoitou a Marta Álvarez, responsábel da cooperativa Muuhlloa, que elabora produtos de cosmética cen por cen galegos realizados a partir de leite ecolóxico; a investigadora e divulgadora Deborah García, autora do libro Todo é cuestión de química e coordinadora das xornadas de ciencia, tecnoloxía e arte no Museo Guggenheim de Bilbao; a viticultora Silvia Prieto, o filólogo Nel Vidal, o fotógrafo Xaime Cortizo ou o xeógrafo e o arquitecto Francisco García e Manuel Bugallo. Nas charlas tamén participaron, pola tarde, o ilusionista Pedro Volta, a contacontos Sole Felloza, a xornalista Raquel Rosa, o experto en redes sociais Javier Varela, o emprendedor Miguel Silva, o deseñador e desenvolvedor web Iñaqui Quenerapú, a especialista en tendencias sociais Silvia Fraga, a empresaria Tatiana López (conselleira delegada de Nanogap) ou da cantante Marina Gundín.
Como é habitual, todas as charlas TEDxGalicia estarán dispoñíbeis nos vindeiros días na súa canle de Youtube, contribuíndo a través das redes sociais a multiplicar a difusión destas ideas.

Miguel Silva, co-fundador de Cloud9 e Optimum Middle East, achegou un divertido toque robótico ao evento

A orixe deste tipo de xuntanzas

O TEDxGalicia segue o modelo do TED, organización de alcance global, non lucrativa dedicada á difusión de ideas en forma de charlas curtas e nas que teñen participado como Bill Clinton, Bill Gates, Jane Goodall, Frank Gehry, Paul Simon, Sir Richard Branson, Philippe Starck ou Bono.
TED comezou en 1984 como unha conferencia na que converxeron Tecnoloxía, Entretemento e Deseño e hoxe en día abrangue case todos os temas (desde a ciencia aos negocios ou os problemas globais) en máis de cen idiomas. De maneira ás conferencias TED, teñen lugar os eventos TEDx co obxectivo de poder compartir estas ideas en todo o mundo.

Iñaqui Quenerapú empregó WordPress como exemplo de proxecto nacido dunha iniciativa frustrada.

PUBLICIDADE