O GTI da UVigo, elixido pola UE para dar forma a un proxecto 5G

venres, 23 de novembro do 2018 Redacción

O Grupo GTI da Universidade de Vigo vén de ser seleccionado pola Unión Europea para desenvolver un proxecto abeirado a unha das tecnoloxías chamadas a revolucionar o mundo das comunicacións tal e como o coñecemos: a tecnoloxía 5G. Trátase do proxecto FastFlow 5G, elixido para a primeira chamada aberta de propostas para ORCA, financiado pola Unión Europea (ao abeiro do programa H2020) co obxectivo de converternos en líderes mundiais da quinta xeración de tecnoloxías de telefonía móbil. Como está previsto superar este reto? Pois, por exemplo, facendo realidade as ferramentas que posibilitarán a transmisión de vídeo de ultra definición ou conectar millóns de dispositivos (Internet das Cousas).
O proxecto FastFlow5G do Grupo de Tecnoloxías da Información do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlantTIC) da Universidade de Vigo foi reclamado para a categoría Excelencia Científica, o que lles permitirá aos investigadores vigueses poñer en valor unha parte dos resultados máis recentes do seu traballo no ámbito das comunicacións 5G, concretamente os referidos a tecnoloxías de virtualización dos núcleos de rede ou o control de tráfico, entre outras liñas de desenvolvemento.
Polo que se refire a ORCA, busca que os investigadores académicos e industriais leven os escenarios de probas até os límites e que creen experimentos complexos que logren que a tecnoloxía avance ata acadar os obxectivos marcados para as redes 5G.
FastFlow5G, segundo explican os seus desenvolvedores, é un proxecto que estuda como se pode reducir a latencia extremo-a-extremo dun fluxo de datos en tempo real. Grazas a isto, engaden, será posíbel realizar tarefas de control remoto a través de redes celulares, por exemplo de drones e robots industriais, ou poderanse crear aplicacións de realidade virtual ou aumentada que funcionen sobre terminais móbiles moi sinxelos. No proxecto participa Felipe Gil-Castiñeira xunto aos tamén investigadores de GTI David Candal, Pablo Fondo, Francisco Javier González Castaño, Carlos Pérez, Juan García e Rubén Pérez Vaz.
Para acadar o seu obxectivo, FastFlow5G desprega nos bancos de probas (testbeds) de ORCA un sistema completo e funcional de comunicación 4G/5G. Unha das súas principais características é que, no caso de detectarse que a latencia que proporciona o sistema é demasiado alta para a aplicación que está utilizando a rede, móvense os elementos necesarios do núcleo de rede ao extremo da mesma, “sen que as e os usuarios se decaten, nin teñan que realizar ningunha acción específica”, explican.

PUBLICIDADE