O GPU Hackaton do CESGA e Appentra recunca en marzo
venres, 19 de xaneiro do 2018
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a firma galega
Appentra Solutions veñen de anunciar a vindeira celebración da
segunda convocatoria do GPU Hackathon na sede do CESGA, en Santiago.
A cita, que se vai desenvolver dende o 5 ao 9 de marzo de 2018, terá
este ano un marcado cariz internacional, coa vontade de establecer
máis pontes entre o noso ámbito innovador avanzado e os do resto do
mundo. En palabras do CESGA e Appentra, o GPU Hackathon ten como
obxectivo axudar aos científicos e programadores a acelerar a
execución das súas aplicacións de simulación científica usando o
hardware, o software e a un equipo de mentores expertos en
optimización, paralelaxe e execución de programas de simulación.
Ao remate do evento, os participantes disporán dunha nova versión
acelerada en GPU ou dunha folla de ruta para alcanzar dito obxectivo.
O equipo gañador recibirá unha GeForce GTX 1080Ti, ofrecida por
NVIDIA.
Appentra e máis o CESGA tamén lembran que os participantes,
novamente, poderán chegar a crear casos de éxito, como aconteceu o
ano pasado co equipo que traballa na predición de tsunamis da
Universidade de Málaga, EDANYA. Coa colaboración de Appentra e
Fernanda Foertter (ORNL) publicaron un artigo de investigación
exhibido no SuperComputing17, en Denver, que pasa por ser a cita máis
relevante no eido da Computación de Alto Rendemento.
A xornada artellarase nun día de conferencias para “todos os que
queiran asistir”, e outras 5 xornadas intensivas de traballo para a
optimización da aplicación de simulación científica de cada
equipo participante. O prazo de inscrición estará aberto ata o 11
de febreiro e a participación é de balde.
Co fin de acadar a máxima repercusión, o CESGA e Appentra animan
aos responsábeis de proxectos científicos a participar e obter
“esta formación individualizada tan escasa e necesaria”, que,
segundo engaden, “axudaralles a avanzar e aforrar tempo nas súas
aplicacións de simulación”.
Como lembraremos, o CESGA (Fundación Publica Galega Centro
Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia) é o centro de calculo,
comunicacións de altas prestacións e servizos avanzados da
Comunidade Científica Galega, Sistema Académico Universitario e do
Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Appentra, pola súa banda é unha spin-off tecnolóxica da
Universidade da Coruña fundada en 2012. Ofrece ferramentas de
software de alta calidade que permiten un uso extensivo das técnicas
de computación de alto rendemento (HPC) en todas as areas de
enxeñería, ciencia e industria. Os clientes obxectivo son empresas
e organizacións que executan con frecuencia aplicacións
informáticas en eidos como o aeroespacial, o automóbil, a enxeñería
civil, a biomedicina ou a química.