O Foro Unirede afondará este sábado 27 nos logros galegos en materia de redes sociais

venres, 26 de outubro do 2012 Redacción

Esta fin de semana o mapa da nosa terra é un mapa inzado de citas TIC do máis variado. Logo da entrega dos Premios INNOVA-G que convocou un ano máis AGESTIC e da Noite Galega das Telecomunicacións (que organizan a AETG-COETG esta noite do venres na Illa da Toxa, no Gran Hotel), este sábado é a quenda do Foro Unirede, un espazo de intercambio de coñecemento e de experiencias innovadoras que chega á súa segunda entrega en Santiago de Compostela, no Campus Norte, na Facultade de Ciencias da Información. Por certo que un dos casos de éxito a amosar será o deste grupo de comunicación, precisamente, Código Cero.
Unirede, como lembraremos, é unha xuntanza de análise colectiva dos logros galegos (moitos a ter en conta) en materia de Rede 2.0. Preténdese, sinala a organización, fomentar a interacción entre os diferentes actores galegos da Social Media e difundir entre a sociedade as vantaxes de desenvolver a nova Internet nos sectores económicos da nosa terra.
O segundo Foro Unirede incorpora como novidades 2 áreas de traballo (saúde 2.0 e moda) que completan ás 3 que botaron a andar o ano pasado: turismo/gastronomía, comunicación e industrias culturais.
O evento repartirase en 2 sesións, de xeito que pola mañá formularase como unha sesión plenaria, na que presentaranse casos de éxito e boas prácticas entre as distintas iniciativas principiadas con apoio das canles sociais en Galicia, mentres que na sesión vespertina traballarase en 5 obradoiros temáticos.
Paralelamente, sinalar que durante estes días que preceden á celebración do Foro estanse a desenvolver xa distintas accións para achegar o mundo 2.0 e das redes sociais a distintos colectivos sociais e empresariais.

PUBLICIDADE