O Foro Tecnolóxico de Emprego da UVigo celebrará os seus 20 anos cunha manchea de novidades

venres, 28 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo celebra este mes de marzo, cunha nova edición, os seus vinte anos de andaina. Todo promete que será unha convocatoria especialmente relevante, non só polo feito de cumprir dúas décadas de actividade, senón tamén polas cifras de participación acadadas nestas semanas previas ao desenvolvemento do foro: xa confirmaron a súa presenza 40 empresas con actividade na nosa terra. O encontro empresarial-estudantil abrirá as súas portas o 4 de marzo, manténdoas abertas até o día 6. Celebrarase nas tres escolas de enxeñaría do Campus de Vigo. O obxectivo, unha vez máis, é despexar de calquera obstáculo de comunicación o espazo comprendido entre as empresas contratantes e o alumnado contratábel.
O foro estará coordinado pola estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Carmela Janeiro, e organizado polo alumnado das ditas tres escolas. En palabras de Janeiro, trátase “dunha boa oportunidade para que o alumnado se relacione con diferentes empresas do sector, entregue currículos e se familiarice cos mellores xeitos de afrontar unha entrevista de traballo”. Precisamente, entre as novidades deste ano figura un obradoiro sobre encarar unha entrevista laboral e outras actividades con información variada sobre os distintos procesos de selección das empresas.
Entre as empresas e entidades que confirmaron a súa asistencia atópase un bo feixe de firmas tecnolóxicas e innovadoras da nosa terra ou con presenza na nosa terra. O grupo está constituído, entre outras, por Optare, Deloitte, Brainport, Cortizo, os diferentes colexios profesionais, Indra, Televés, R, Altia, Pescanova ou FINSA, ás que se suman novas incorporacións como o grupo Oesía, GBTec, EGATEL ou PWC. Ademais, no que se refire aos patrocinadores, este ano hai que engadir a Frutas Nieves e Redivivus.
En canto aos currículos, tras os datos recollidos das diferentes empresas participantes estimouse que o pasado ano recolléronse ao redor de 1.500. Nesta edición, a novidade de poder facer entrega do currículo en liña puido levarse a cabo grazas a un sistema “moi áxil e sinxelo co cal o alumnado poderá enviarlle o currículo ás empresas de forma inmediata”, en palabras de Carmela Janeiro, que lembra que, malia todo, a opción de facer entrega dos CV en papel segue a estar vixente.
Segundo as enquisas realizadas a participantes doutras edicións, Candela Janeiro afirma que “un terzo do alumnado que participa no foro atopa traballo e un 40% recoñece ter orientado os seus estudos grazas ás recomendacións das empresas”.

PUBLICIDADE