O Foro Tecnolóxico de Emprego contará cunha táboa redonda para emprendedores e estudantes

xoves, 15 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Todo apunta que o Foro Tecnolóxico de Emprego do Campus de Vigo (18º edición) vai ser, este ano, o gran evento referencial a nivel galego e estatal que estaba pedindo ser dende a súa orixe. Un gran evento referencial que ten, ademais, o engadido extra de ser un elemento dinamizador da empregabilidade na nosa xuventude, e as cifras e balances non fan máis que confirmar este potencial. A vindeira cita será entre os 7 e 9 de marzo na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e os seus organizadores xa salientan os bos agoiros en materia de participación de emprendedores, estudantes e empresas innovadoras. Coma sempre, dunha banda estarán estarán estas compañías contratadoras galegas, estatais e internacionais (Repsol, a operadora R e Aluminios Cortizo, entre outras, e estreándose no foro Norvento, EDF Solar ou Televés), e, pola outra, estará o alumnado das tres enxeñerías do campus (Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación) con todo o seu altísimo potencial.
Entre as principais novidades, os organizadores destacan a celebración dunha “táboa redonda”, un coloquio onde emprendedores novos contarán como crearon as súas empresas, de maneira que os futuros enxeñeiros e enxeñeiras “poidan achegarse ás experiencias de antigos estudantes que, coma eles, tiveron que abrirse paso na busca de emprego no ámbito tecnolóxico”.
O equipo responsábel da iniciativa (o alumnado de enxeñaría) tamén sinalou que agarda supera o centenar de persoas: máis de 80 voluntarios e 20 coordinadores encárganse de todo o que atinxe á xestión da páxina web, á planificación das conferencias ou ao contacto coas empresas, entre moitos outros labores. Á fronte deste equipo está Martín Rodríguez, estudante do Grao de Enxeñaría da Enerxía, que explica que o éxito do foro radica en boa medida “no resultado das persoas anteriores que investiron o seu tempo e esforzos en desenvolver esta actividade, deixando o legado aos seguintes coordinadores”.
Ademais de conferencias, demostracións e encontros de traballo, o foro volverá contar coa presenza de postos de diferentes empresas nos que as persoas asistentes poderán entregar os seus currículos, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de establecer contacto directo cos representantes das 25 compañías que confirmaron xa a súa participación, entre as que se contan a devanditas.
Sobre a “táboa redonda” de emprendemento, os organizadores recoñecen que, a día de hoxe, “todos os estudantes estamos centrados en rematar e entregar o currículo a empresas xa formadas, sen facer nada máis, polo que cremos que é moi importante dar tamén este outro enfoque no foro”.

PUBLICIDADE