O Foro Expertise do CITIC incidiu en reforzar a colaboración entre campus, empresas e administracións

xoves, 16 de xullo do 2015 Redacción

Anxo Calvo Silvosa, Juan Sánchez, Manuel G. Penedo e Andrés Faíña Medín

Na mañá deste mércores 15 celebrouse no centro tecnolóxico CITIC un encontro sobre medidas eficaces e rendíbeis para levar a nosa tecnoloxía alén da nosa terra, afianzándonos como un polo referencial de innovación e coñecemento. Falamos do Foro Internacional de Mercadotecnia Expertise: Mercados Internacionais e Comercialización de Tecnoloxía, organizado polo CITIC en coordinación co Posgrao de Xestión Empresarial da Innovación e o Clúster TIC, e co apoio financeiro do IGAPE e da Xunta. A cita, que xuntou a medio cento de persoas (entre emprendedores, especialistas en busca de novos mercados, innovadores e investigadores), serviu entre outras cousas para lembrar os ingredientes básicos da fórmula do desenvolvemento, o medre e a internacionalización: universidade, empresa e administración.
A xornada comezou coa intervención de Manuel González Penedo, coordinador do CITIC, Andrés Faíña Medín, en representación do posgrao da UDC, e Anxo Calvo Silvosa, Decano da Facultade de Economía e Empresa da UDC.
O relatorio sobre o que virou o encontro correu a cargo de Juan Sánchez, vicerreitor de Investigación da Universidade de Texas (Austin) e director do IC2 Institute. Sánchez, doutor en Enxeñería e Física e especialista recoñecido en comercialización de tecnoloxía, foi un dos que máis recalcou a importancia do devandito trinomio universidade-empresa-administración como metodoloxía para potenciar o sector da I+D aplicada ás novas ferramentas innovadoras. Ao fío disto, amosou e debullou perante os asistentes diversas ferramentas que viron a luz no marco da Universidade de Texas, como o Instituto de Ciencia e Enxeñaría Computacional (ICES, polas súas siglas en inglés), o Texas Advanced Computing Center, o Wireless Networking and Communications Group e o IC2 Institute.
Sánchez resumiu en tres as principais claves que permitiron á Universidade de Texas acadar o éxito actual no devandito eido: en primeiro lugar, a cooperación e coordinación entre a administración, as empresas e a propia universidade; en segundo lugar, a creación de infraestruturas de talento, tecnoloxía, capital e coñecemento práctico e, por último, a medición e difusión de toda actividade que se leve a cabo, co fin de pór en valor o labor dos emprendedores. Durante a charla, subliñouse o peso que xoga o sector privado á hora de comercializar a tecnoloxía. En todo este proceso, desde a universidade americana manifestan que “non é traballo arduo e que necesita moita preparación”. Segundo lembrou, é por esta razón pola que traballan sobre dous programas: o primeiro deles é Quicklook e diríxese a reforzar aos potenciais emprendedores á hora de desenvolver un plan de negocio; o segundo chámase I-CORPS e consiste nun programa para educar a profesores e estudantes no ámbito comercial, enfocado a cambiar a cultura desde a propia universidade.
Acerca do centro CITIC da Coruña e das súas potencialidades no ámbito da aplicación das metodoloxías de Austin, o relator salientou que o centro coruñés “podería beneficiarse dun programa de preparación para emprendedores que se inician na creación dunha empresa, empregando as súas redes de contactos para ofrecerlles o asesoramento preciso e converténdose así en emprendedores por si mesmos”. Sánchez tamén quixo guindar unha mensaxe ao eido académico estatal: retou aos seus integrantes a traballar na concepción que o resto da sociedade ten sobre o ente, “de tal maneira que se xere unha conexión positiva que repercuta nunha maior aceptación da actividade aí desenvolvida”.
A xornada rematou co Foro de Investidores TIC, no que participaron tanto Juan Sánchez como Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia. A esta actividade seguiu a celebración de diversos encontros bilaterais.

PUBLICIDADE