O Foro Enrique Peinador e Política Lingüística reivindican na Rede os produtos galegos (e en galego) de Nadal

mércores, 14 de decembro do 2022 S. P.

O Foro Enrique Peinador e a Secretaría Xeral de Política Lingüística lanzaron hai un ano na Rede un vídeo para animar a consumir produtos etiquetados en galego durante as próximas festas de Nadal. Podemos recuperar o contido no Portal da Lingua (Política Lingüística) e no Facebook de Galeguizar Galicia acompañado dun epígrafe que resume e sintetiza en catro palabras os seus obxectivos: Neste Nadal, saborea Galicia.
Segundo explican as dúas devanditas entidades, o sector agroalimentario galego ten demostrado estar ao máis alto nivel respecto da calidade e seguridade alimentaria dos produtos que ofrece no mercado. Sobre esta base, indican, “temos o privilexio de poder elixir, entre os produtos que imos consumir, aqueles que están a manter unha economía sustentábel e que xeran riqueza, valor engadido e emprego, e tamén, que aposten por reivindicar o noso e etiquetar en galego e facer campañas de promoción e comunicación na nosa lingua”. Ao fío desta relevante cuestión (a cuestión de mercar produtos nosos e apostar pola proximidade en todo o senso da palabra, tamén cultural), no vídeo fáisenos saber que “temos un deber responsábel á hora de decidirmos polos produtos polos que optamos”.

PUBLICIDADE