O Foro Económico destaca que o futuro das administracións pasa por forza pola dixitalización

mércores, 25 de maio do 2022 S. P.

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o Campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (GEN), presentou este martes 24 de maio un novo documento de análise baixo o epígrafe A reforma que a administración necesita: propostas para o s. XXI. Unha das grandes conclusións do traballo pon o foco no gran reto da transformación e na necesidade de asumilo a todos os niveis. En concreto, faise saber que “a dixitalización, a transparencia e a colaboración público-privada son chaves para a administración do futuro”. Neste punto, aconséllase no documento meirande profesionalización, unha burocracia máis eficaz e unha avaliación constante das políticas públicas.
O documento foi dado a coñecer polo director do Foro Económico de Galicia e catedrático da UVigo Santiago Lago e a súa autora, Concepción Campos, coordinadora de Rede Localis (rede xestionada tamén polo grupo GEN) e membro do grupo de expertos que elaboraron o informe 13 propostas para reformar a Administración do Estado (Ministerio de Facenda e Función Pública). Segundo explicaron, a reforma das administracións públicas é unha das políticas “panca” que deberá executarse no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) a través do instrumento dos Fondos Next Generation. Segundo este fío, a autora debulla unha serie de recomendacións necesarias para acadar os niveis de execución que se requiren dos fondos europeos. O documento indica que a modernización da administración pública é un proceso que comezou a mediados do século XX pero que non parece chegue ao seu fin: “A falta de éxito atópase en que soamente se basea en leis e tecnoloxía, sen ter en conta o concurso de múltiples factores, de persoas, de modelos de organización, de liderado para sacar adiante máis que unha reforma modernizadora, unha transformación do modelo de administración que poida asumir os retos do século XXI”, indican desde o foro.
As primeiras recomendacións do documento convidan a unha simplificación regulamentaria apuntando que “nos últimos anos cada vez apróbanse máis leis, pero non se avalían os seus resultados e impactos na actividade económica”. Amais, o informe tamén convida a unha simplificación procedemental. A autora salienta que “a mera dixitalización suporá unha considerábel redución de cargas administrativas xa que segundo o Método de Medición de Custos, presentar unha solicitude presencial ten un custe de 80 euros, mentres que na presentación electrónica é de 5 euros”.
O documento tamén sinala que a disrupción tecnolóxica require á súa vez dunha disrupción organizativa e que cómpre evitar a “burocracia dixital”, ou sexa, contar con directivos profesionais que traballen por obxectivos e rendan contas, afastados da posíbel colonización política dos ámbitos de xestión profesional. “Isto”, engádese no texto, “supón un cambio cultural nas organizacións que leve á profesionalización da dirección pública”. Neste senso, unha das recomendacións máis importantes recollidas no informe é a avaliación das políticas públicas. “O único xeito de coñecer se as medidas son as acertadas é que tras a súa implantación se proceda ao seguimento e avaliación, sen que neste intre sexa habitual dita práctica. Este proceso avaliativo sistemático das políticas públicas constitúe unha necesidade de primeira orde nun estado democrático avanzado do século XXI”, afirma a súa autora.

PUBLICIDADE