O Foro Económico aposta por tirar proveito das nosas fortalezas TIC para o futuro de Galicia

venres, 24 de decembro do 2021 S. P.

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o Campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (GEN), presentou este martes 21 de decembro un documento que salienta as oportunidades que ofrece a transformación tecnolóxica para o progreso empresarial e produtivo da nosa terra, pero non unha transformación calquera senón unha que sexa integral e que teña capacidade para eliminar a fenda dixital entre espazos urbanos e rurais (alén doutros tipos de fendas sociais, culturais, demográficas ou de xénero). Estamos a falar do documento Dixitalización. Galicia 2040, realizado pola súa unidade de investigación Galicia Grupo 2040.
Nel destacan que a nosa terra “pode e debe tirar partido das oportunidades que achega a dixitalización, xa que conta con vimbios abondo para reducir a fenda tecnolóxica”.
Os autores do estudo son os catedráticos da Universidade de Vigo Fernando Pérez, Domingo Docampo e Xosé Carlos Arias, o economista José Francisco Armesto e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval.
Na presentación do informe, celebrada na sede de Abanca en Santiago de Compostela, destacaron que Galicia “ten industria do hardware ben desenvolvida e con capacidade exportadora, ben situada nas tecnoloxías de mobilidade; un sector agrotecnolóxico maduro e dispón dunha banda larga avanzada, en comparación con outros territorios do ámbito estatal e da UE”. A comunidade, sinalaron, “dispón dunha industria TIC forte, que é un dos mellores activos cos que un país pode contar para garantir o seu futuro”, ademais de empresas tractoras, universidades e centros tecnolóxicos implicados no proceso de dixitalización. Por este motivo, recalcaron, Galicia “debe aspirar a figurar en posicións relevantes da cadea de valor TIC global e non conformarse con ser simplemente os que integran ou personalizan a tecnoloxía creada por outros”.
Os expertos do Foro Económico recalcaron ademais que Galicia, como as demais comunidades autónomas, vai dispor dun importante aporte de fondos Next Generation EU. A súa xestión, engadiron, “adquire un papel crucial para a transformación do tecido produtivo”, polo que no informe presentado este martes definen os deberes dos actores implicados para obter a máxima eficacia nesa xestión. En primeiro lugar, apuntan que “a administración debe mellorar os seus procedementos organizativos, ao tempo que ten que exercer un papel impulsor na transición á economía dixital”. En segundo lugar, sitúan o tecido empresarial e nomeadamente o sector TIC, que, indican, “debe adaptarse á nova contorna dixitalizada e aproveitar as oportunidades existentes”. Por último, citan o sistema universitario galego e os centros tecnolóxicos, que, sinalaron, teñen a obriga de contribuír coa súa investigación e coa formación de persoal especializado en procesos de dixitalización.
O Grupo Galicia 2040 está formado por analistas e investigadores co obxectivo de trasladar á sociedade posíbeis escenarios de futuro nos cinco eixos fundamentais de cambio: a dixitalización, os procesos de urbanización, a demografía, os retos medio ambientais e o xeoestratéxico. Neste segundo documento do grupo de traballo presentado este martes, o enfoque adoptado foi o de dar a coñecer a visión que as e os profesionais do ámbito tecnolóxico teñen e poden transmitir a aquelas persoas e empresas que van ser “dixitalizadas” e como os cambios van ser percibidos por estas.

PUBLICIDADE