O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo achegou o ano pasado 190 produtos dixitais en galego

martes, 12 de abril do 2022 S. P.

A semana pasada o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo balance dos fitos acadados en 2021 dende o seu departamento en materia de impuso do galego, ao tempo que presentou os principais programas nos que traballa arestora a Secretaría. En termos xenéricos, o balance presentado no Parlamento salientou os esforzos levados a cabo por tender pontes coa poboación xuvenil e infantil. Neste eido de traballo volveu ter un gran protagonismo a Rede de Dinamización Lingüística. En 2021, esta rede de concellos, entidades e agrupacións galegas estendeu a súa programación por 225 destinos diferentes, “de maneira que o 100% dos seus membros
- 228 na actualidade- gozou dalgunha das nosas propostas lúdicas”, afirmou Valentín García.
O secretario xeral destacou o papel despregado polas iniciativas FalaRedes e Nadal en Rede, que “son as dúas grandes programas de dinamización lingüística desta rede” e que ocuparon o tempo de lecer das familias con teatro de monicreques, teatro para adolescentes e adultos, teatro para nenos, espectáculos para bebés, monólogos humorísticos, espectáculos musicais para toda a familia, maxia, circo e obradoiros de xogos, entre outras actividades. “En total, os dous sumaron 262 accións que, unidas ás realizadas por fóra da rede, produciron máis de 1.000 actuacións destinadas ao tempo de lecer en galego”, destacou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Valentín García tamén enxalzou o traballo levado a cabo polo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, que na súa primeira convocatoria, en 2020, inxectou 2,5 millóns de euros para reactivar o sector cultural no seu momento máis complicado, coincidindo coa crise da pandemia. O pasado 2021, este repositorio de contidos culturais en galego repartiu 3 millóns entre proxectos dixitais (190 produtos e 733 contidos), materiais (66 obras e 36.781 exemplares) e presenciais (572 sesións ou actuacións).
Outro dos puntos a destacar por Valentín García foi a posta en marcha o pasado 2021 do Proxecto Nós, cun convenio de 60.000€ que será ampliado en 2022, “no que será o maior investimento directo en investigación tecnolóxica feito en toda a historia da promoción do galego”, salientou Valentín García, explicando que este proxecto foi impulsado en colaboración coa USC e coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e está enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial. Ademais, engadiu, aspira acada un investimento de 15,5 M€ de fondos europeos para “garantir que a lingua galega participe da revolución tecnolóxica dos nosos días”. Para iso, a iniciativa “permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego baseados en Intelixencia Artificial e en tecnoloxías da linguaxe, que serán gratuítos e en código aberto de forma que queden a disposición da cidadanía e do sector empresarial”, apuntou.
No tocante ao 2022, Valentín García avanzou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade segue a traballar ”na importancia da dinamización lingüística entre a rapazada e na transmisión interxeracional da lingua”. Para iso, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, nace este ano TeCe Redes en galego, o novo repositorio de proxectos dixitais e presenciais en lingua galega. Dotado cunha cantidade inicial de 500.000 euros, esta iniciativa toma distancia do seu predecesor centrándose única e exclusivamente nos materiais e actividades de dinamización lingüística dirixidos aos máis pequenos da casa.
No tocante á Rede de Dinamización Lingüística, dixo que nos vindeiros días presentarase aos medios de comunicación a primeira quenda de actividades do FalaRedes 2022 con 56 accións ás que se irán incorporando outras novas segundo se acheguen os meses de verán.
Ademais, Valentín García dixo que o deporte “será outro dos temas nos que Política Lingüística quere ampliar os seus recursos, creando a primeira colección de manuais dirixida á mocidade no marco do Plan de Dinamización da lingua galega para o Deporte”.

PUBLICIDADE