O Firefox 3 supera os 8 millóns de descargas en 24 horas
mércores, 18 de xuño do 2008
- O equipo de Mozilla celebrando o éxito de descargas do Firefox 3 capturado pola cámara de Clare Bayley
O lanzamento do
Firefox 3, pese aos problemas iniciais, foi un grande éxito, superando en 24
horas os 8,2 millóns de descargas, co que pretenden gañarse un posto no
Libro Guinness dos Records.
Os responsables da estrea do navegador esperaban superar os 5 millóns de
descargas, polo que superaron as previsión sobradamente, especialmente se temos
en conta que Firefox 2 só rexistrara 1,6 millóns de descargas no seu primeiro
día. Durante
os vindeiros días os xuíces do Guinness verificarán os números rexistrados pola
Fundación Mozilla (eliminando duplicados) e pronto teremos unha cantidade
oficial de descargas para que consten como referencia para futuras iniciativas
semellantes.
Os usuarios que descargaran o Firefox 3 tamén poden agora descargar
un ficheiro PDF no que se certifica e agradece a súa participación
no Download Day, xornada na que se produciron máis de 6.000 descargas por
minuto, con
picos de ata 14.000 descargas por minuto.
O navegador descargouse dende máis de 200 países, liderados
por Estados Unidos, Alemaña, Xapón, España e Reino Unido.