O Festival Play-Doc abre mañá as súas portas

martes, 20 de marzo do 2012 Raquel Noya

Parte do público asistente á edición do ano pasado

O Festival Internacional de Documentais de Tui, un dos eventos audiovisuais con máis sona do noso país, vai inaugurar mañá a semana de gloria do cine de non ficción de todo o mundo, cunha cerimonia na que os propios directores, Ángel Sánchez e Sara García, en compañía dalgúns dos persoeiros máis importantes do sector audiovisual galego, presentarán o programa a seguir este ano, coma sempre, digno dos mellores festivais de cine da actualidade.
De entrada, a película de inauguración, que se proxectará a partir das 20:30 horas, será Photographic Memory, o último filme do cineasta Ross McElwee, a quen o certame lle dedica un ciclo de seu, coa proxección das súas sete obras máis representativas.
O reputado director presentará a cinta acompañado do seu fillo Adrian, o rapaz que aparece en boa parte da súa filmografía, e que xoga en Photographic Memory un papel importante como co-protagonista.
O outro protagonista da xornada inaugural será o galego Xurxo Chirro, quen co seu documental Vikingland compite na sección oficial con títulos chegados de todo o mundo.
A película, que rescata varias cintas de vídeo gravadas por un mariñeiro mercante da Guarda, é un documento histórico “sen igual” sobre a diáspora galega e o mundo do traballo, afirman dende a organización do evento, “e foi considerada, moi positivamente, en festivais coma os de Marsella, Xixón, ou o FICUNAM de México”, engaden.
Play-Doc pechará as súas portas o domingo, 25 de marzo, logo de ter celebrado, como vén sendo habitual, distintos obradoiros, proxeccións, concertos e actividades varias para os amantes do cine documental.
A partir desa data, e segundo o acordo que ten asinado con R, unha selección dos filmes máis importantes que pasaron polo Play-Doc ao longo das 8 edicións, exhibiranse no catálogo de vídeo baixo demanda do operador galego, que na actualidade ofrécelle servizo a máis de 95.000 fogares.

PUBLICIDADE