O FIE de Santiago acollerá múltiples actividades TIC para a procura de emprego

xoves, 9 de xuño do 2016 Redacción

A menos dunha semana para que arrinque en Compostela o Foro de Innovación para o Emprego (FIE 2016, do 15 ao 16 de xuño no Palacio de Congresos), o Concello de Santiago fixo reconto do nivel de actividade previa acadada até o de agora: 112 ofertas de emprego recibidas, correspondentes a 144 postos de traballo, por parte de 67 empresas. Segundo fixo saber a concelleira Marta Lois, “foron máis de 2.500 as inscricións nas ofertas, de máis de 1.000 persoas diferentes, e polo de agora foron enviados 650 currículos que se axustaban ao perfil requirido polas empresa”. Tamén lembrou que ao abeiro do foro xa se desenvolveron diversos cursos previos relacionados coas novas tecnoloxías e a marca dixital na busca de emprego, vía e-learning e webinar, nos que participaron máis de 1.100 persoas.
No propio FIE, engadiu, levaranse acabo máis obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías e a creación dunha marca dixital para a busca de emprego, habilitándose 600 prazas. Nestas actividades, sinalou a concelleira de Igualdade e Desenvolvemento Económico, traballarase con todo tipo de recursos TIC encamiñados a facilitarnos a nosa andaina no mercado laboral: con portais de emprego (tipo Infojobs e Infoempleo), con plataformas de traballo en rede (Womenalia, BeBee, este última unha nova rede social que xa conseguiu nun ano de vida máis de 10 millóns de usuarios e usuarias) e con redes sociais de uso común (Google+, LinkedIn, Twitter ou Facebook). O obxectivo é “aproveitar os recursos que ofrecen estas plataformas, tirando partido do networking profesional virtual como potente ferramenta para a busca de emprego”.
Haberá tamén obradoiros de emprego de diversas plataformas como re.vu ou visualize.me para facer un CV infográfico e atopar traballo grazas á creación dunha marca persoal dunha forma entretida e atractiva.
Tamén se prepararon obradoiros para aprender a empregar Vimeo e Youtube con vistas emprazar de maneira óptima o noso currículo.

PUBLICIDADE