O EGM reflicte que a radio en streaming dobra en audiencia á onda media

venres, 1 de decembro do 2017 Redacción

A Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) presentou os resultados da terceira onda do Estudo Xeral de Medios (EGM) que recolle os resultados do traballo de campo realizado entre o 6 de setembro e o 14 de novembro, o que permite coñecer detalles como o consumo de medios de comunicación por parte da poboación española, o que nesta ocasión permite botar un ollo á audiencia da radio a través da Internet, diferenciando o streaming da descarga de podcasts.
Sabemos así que o promedio de oíntes que escoitan a radio durante o día é de 23,6 millóns, o que supón unha penetración do medio do 59,3%, dos que 1.775.000 faríano a través da Internet, optando 1.440.000 polo streaming e 384.000 polo podcast.
Que a Internet teña xa o 7,5% dos oíntes da radio, e o streaming o 6,1% é especialmente rechamante por facernos ver que o streaming dobra en cota á onda media (3,1%), mentres que o podcasting está aínda un pouco por debaixo da escoita de radio a través da TDT (2%).

PUBLICIDADE