O Diario Oficial de Galicia di definitivamente adeus ao papel

venres, 29 de abril do 2011 Redacción

As distintas edicións do D.O.G. vistas en El Correo Gallego

A edición electrónica do Diario Oficial de Galicia (DOG) substituirá definitivamente á versión impresa o vindeiro luns, 2 de maio, segundo a orde publicada hoxe no propio Diario Oficial, o que supón subir un chanzo máis no proceso de modernización da Administración autonómica e cúmprese cun dos obxectivos recollidos no decreto de Administración electrónica aprobado polo Goberno galego o pasado mes de decembro.
A edición electrónica do DOG garante a mesma validez xurídica que a versión en papel así como un servizo público universal, de consulta gratuíta e libre acceso a toda a cidadanía, simplificando os procesos de produción, reducindo o tempo de edición, a racionalización do gasto e a difusión gratuíta do boletín.
Entre as principais vantaxes da edición en liña está o importante aforro económico de máis de 1 millón de euros anual ao eliminar o uso do papel para a súa publicación xunto coa redución do impacto ambiental. Ademais, a súa lectura será máis fácil ao estar estruturado dun xeito máis sinxelo e a súa consulta será máis áxil ao poder realizarse busca no seu contido.
Os cidadáns terán a posibilidade de descargar en formato dixital e de imprimir en soporte papel copias fidedignas das edicións do DOG, tendo a consideración de copias auténticas sempre que inclúan a impresión do código de verificación electrónica que permite contrastar a súa autenticidade e que está impreso na esquina inferior esquerda de cada páxina.

PUBLICIDADE