O Día das Redes Galegas debullou as oportunidades que as TIC abren para a lingua

xoves, 11 de maio do 2017 Redacción

Rolán, Pérez, Rey, Martí, Vilas, Baamonde e Gómez

Finalmente celebrouse hoxe no Campus de Pontevedra o Día das Redes Galegas. Foi na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e contouse para o seu desenvolvemento coa colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística). A xornada entre outras cousas serviu para salientar oportunidades e desmontar falsos mitos, por exemplo o de que as redes de por si tenden a ser uniformadoras e non respectar a diversidade, neste caso lingüística. Máis ben o contrario. Segundo coincidiron as/os participantes no evento, incluído o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o futuro do galego atópase tamén nas redes sociais. A era dixital, dixo, é unha gran oportunidade para a nosa lingua.
O obxectivo da xornada #redesgalegas foi salientar o potencial das comunidades 2.0 para impulsar ao máximo a visualización e vitalidade da nosa lingua. A orixe desta conmemoración está na dita Facultade, cando hai tres anos o profesor Xabier Rolán impulsou o Social Media Day, coincidindo coa conmemoración do Día do Community Manager. Estes obxectivos mantivéronse pero o evento mudou de nome e de data, pasando a ser o Día das Redes Galegas e a celebrarse o 11 de maio, no Mes das Letras, co propósito de “reivindicar precisamente a necesidade de que o idioma gañe espazo nestas plataformas”.
Participaron na xuntanza catro profesionais formadas e formados nas súas aulas. Previamente, no acto inaugural, interveu o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, quen salientou na súa intervención “a importancia da promoción do uso e da visibilidade da lingua galega nas redes sociais, nas que a lingua propia de Galicia se atopa entre as trinta primeiras máis empregadas”.
María Pérez Justo, client account manager en Twitter España; Marcos Gómez, responsábel de outbound márketing de Elogia; Arancha Vilas, coordinadora de mercadotecnia e comunicación de Elephone Spain, e Cristina Rey, responsábel de Comunicación Dixital en Mekkdes, foron protagonistas da actividade. Tanto os coloquios, como a posterior mesa de debate, moderada polo profesor Daniel Martí deron pé á súa vez a un segundo debate na Rede, a través do cancelo #redesgalegas.

Os participantes na inauguración da xornada no Campus de Pontevedra

O director da Área de Normalización Lingüística da UVigo, Paulo Cabral, destacou na apertura das xornadas a “oportunidade que as plataformas dixitais supoñen á hora de “estender o uso da lingua a todos os ámbitos”, así como de “configurar a imaxe que os demais teñan de nós, sexa de maneira individual, sexa como pobo”. O decano da Facultade, Xosé Baamonde, salientou que “temos a responsabilidade de decidir o que queremos facer co galego, se queremos unha lingua ritual ou unha lingua viva”, decisión que, engadiu, “correspóndelle ás novas xeracións”. Valentín García, pola súa banda, engadiu que se ben o galego “e outras linguas minoritarias en Europa chegaron tarde a moitas citas, hai unha á que chegou en igualdade de condicións, Internet, onde está desde o primeiro día" e onde, porén, “ten que competir con grandes sistemas de comunicación”.
Logo da inauguración foi a quenda dos catro relatores. María Pérez Justo achegou o Día das Redes Galegas a unha plataforma que, apuntou, “está cambiando o mundo”. Nese senso, puxo de relevo o potencial de Twitter, que outorga “o poder para comunicarse con calquera persoa do mundo” e que é, en definitiva, “o que cada usuario queira ver nela”. Polo que respecta a Marcos Gómez, centrou o seu relatorio na planificación de medios online, ámbito no “que as redes sociais resultaron decisivas á hora de promover un “cambio nos hábitos de consumo de medios”. Polo que atinxe a Cristina Rey, salientou a importancia das redes sociais na súa empresa, “onde son o motor e escaparate”, facendo logo un percorrido pola súa relación con estas ferramentas a través dun blogue de moda e como de aí xurdiron posteriormente experiencias laborais que a levaron a especializarse neste eido.
Arancha Vilas, pola súa banda, laiouse do feito de que na actualidade calquera poida levar a cabo tarefas de xestión das rede sociais. Ao seu xuízo, non se trata de “estar por estar” nas comunidades dixitais, xa que “se esa presenza non é xestionada dunha maneira axeitada, pode resultar perigosa”, sinalou, facendo un chamamento a prol dos profesionais con “perfís polifacéticos”, cunha visión estratéxica dun sector no que “cada día pode haber unha xestión de crise que hai que non só que solucionar senón tratar de que remate en positivo para a marca ou institución que se xestiona”.

PUBLICIDADE