O Desmarket de Cambados contará con influencers de todos os recantos estatais

mércores, 27 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Cambados acolle esta finde, entre o 29 e o 31 de marzo no Salón José Peña, un salientábel encontro para creativos e emprendedores de diferentes disciplinas e ámbitos de traballo, incluído o dixital, o comercio, a moda, a música, a gastronomía e o deseño. Trátase do Desmarket, unha cita destinada a promover o comercio local e as súas conexións co mundo, no que participarán referentes dixitais (influencers e instagramers) de diferentes recantos de España. A través deles e do que conten nas redes nas súas comunidades, Cambados mostrará o seu potencial perante máis de un millón de usuarias e usuarios das redes sociais.
O Desmarket, que vén da man de Nordelaina, o Concello e a Zona Centro, contará tamén coa participación activa de trinta firmas locais e marcas emerxentes cambadesas. Amais, informan os organizadores, haberá espazo para “a mellor música”, con zonas para concertos en directo, sesións de micrófono aberto e DJ. Así o domingo 31 de marzo, ás 13:30h actuaran Los Vinagres, o sábado 30, ás 13:30h van actuar Monoulious DOP, e tamén o sábado 30, pero xa pola tarde, ás 20:00h contarase con Tulip, que achegará a banda sonora de 3 días de compras nos que participarán as mellores tendas de Cambados, marcas emerxentes, xunto a obradoiros sobre moda e visitas de influencers chegados de diferentes partes do ámbito estatal.
Amais, polo Desmarket tamén pasarán os impulsores da plataforma Enoturismoriasbaixas.com, que van organizar catas de viño, cervexa e vermú durante o evento.

PUBLICIDADE