O Corunna Innovate Summit converterá á cidade herculina na capital da revolución tecnolóxica
xoves, 19 de maio do 2022
Segue
adiante o proceso iniciado por diversas institucións, organizacións
e empresas para converter A Coruña na capital europea do
desenvolvemento tecnolóxico, un proceso certificado e referendado
coa creación (xa definitivamente en marcha) da Cidade das TIC. Esta
semana a consultora DataSpartan sumou forzas a este cometido e
anunciou que a cidade acollerá os días 16 e 17 de xuño un evento
de gran importancia tecnolóxica e estratéxica: o Corunna
Innovate Summit. Nel participarán expertos internacionais do
talle de Ignacio Cirac, experto en comunicación cuántica e Premio
Príncipe de Asturias.
En
palabras da organización, grazas a esta cita Coruña “converterase
no referente da Intelixencia Artificial, da análise da información
a gran escala (Big Data) e da computación de alto rendemento
(High Performance Computing)”.
O
evento, que terá lugar os días 16 e 17 de xuño na Fundación
Barrie (Cantón Grande, 9), será un punto de encontro onde
emprendedores e investigadores informáticos explicarán como dan
vida aos produtos que simplifican e melloran as nosas vidas.
Ademais
de Cirac, o Corunna Innovate Summit contará coa presenza de Paco
Nathan, un dos maiores expertos en Big Data
do mundo, ou o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez
del Corral.
Tamén
haberá espazo para o talento local. Varios membros do grupo de
investigación LIDA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial)
do CITIC da Universidade da Coruña participarán nesta cita. A súa
coordinadora, Amparo Alonso Betanzos, abordará nunha conferencia o
potencial da Intelixencia Artificial na sustentabilidade, o
medio-ambiente, a enerxía e a economía.
O
Corunna Innovate Summit está organizado por DataSpartan, consultora
tecnolóxica co- fundada en 2015 polo tamén colaborador do grupo
LIDA David Martínez, especializada en Intelixencia Artificial e
Ciencia de Datos.