O Constitucional francés rexeita a lei HADOPI

mércores, 10 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Xuntanza do Consello Constitucional francés

Como era previsible, a lei francesa que pretendía evitar a piratería por Internet cortando o acceso á Rede aos cidadáns para o que se constituía unha alta autoridade para a difusión das obras e a protección dos dereitos na Internet (HADOPI) non chegará a entrar en vigor pois o Consello Constitucional galo censurou parte do seu texto, en concreto a parte na que unha autoridade administrativa podería cortar o acceso á Rede, o que consideran que é unha violación de dous artigos da Declaración dos Dereitos Humanos de 1789: o artigo 11, que protexe «a liberdade de expresión e comunicación» (o que obriga a que para calquera restrición sexa precisa a intervención dun xuíz) e o artigo 9, que consagra «o principio de presunción de inocencia» (coa nova lei era o acusado o que tiña que demostrar que as súas descargas eran lexítimas). O Consello sinala que a alta autoridade prevista podería servir para advertir aos usuarios detectados, pero non a sancionalos.
A ministra de Cultura Christine Albanel non parece querer deterse ante este atranco, e asegura que cumprirá os prazos previstos para a entrada en vigor do sistema de alternas aos internautas, aínda que agora deberá devolver a lei ao Parlamento.

PUBLICIDADE