O Consorcio de Santiago porá na Rede o inxente catálogo fotográfico de Xenaro Martínez Castro

venres, 10 de setembro do 2021 S. P.

O Consorcio de Santiago levou a cabo a catalogación de máis de 100.000 imaxes do histórico fotógrafo local Xenaro Martínez Castro (1957-2007), especializado en fotografías de obras de arte e, durante algo máis de dúas décadas, unha das principais testemuñas da crónica cultural galega. Este fondo documental porase a disposición do público e dos investigadores na páxina web do Consorcio unha vez que o traballo rexistrado estea dixitalizado.
O encargado de realizar esta tarefa é o fotógrafo Xabier Ramos, experto en dixitalización de documentos e imaxes. Explica que o traballo comezou o pasado mes de xullo e nestes intres “estamos a catalogar todo o material, vendo o seu estado de conservación, as causas da degradación dalgúns negativos e as necesidades particulares que ten cada negativo”. Indica que a colección está integrada por máis de 100.000 fotografías, a maioría diapositivas de 35 mm e de 6x6 (medio formato) e placas de 4x5 pulgadas, cunha “calidade excepcional”.
Ramos apunta que a inxente cantidade de material de que se dispón alongará o proceso de dixitalización. “Esixe unha gran potencia de computación posto que en fotoquímica cando se dixitaliza a película debe escanearse a unha cantidade de píxeles moi alta”, xa que Xenaro traballaba en diapositiva, apenas ten fotografías en papel.
Datos biográficos
Xenaro fotografou algúns dos principais acontecementos históricos da nosa terra nas pasadas décadas, por exemplo o encallamento do buque Casón ou a primeira campaña electoral de Fraga, amais de ter realizado sobranceiras instantáneas para a industria, campañas turísticas e moitos catálogos de arte
Xenaro iniciou a súa actividade profesional como fotógrafo de prensa na década de 1980. En 1990 comeza a dedicarse á fotografía publicitaria, en particular á industrial e á reprodución de obras de arte para catálogos, o que representa o seu principal legado. Así, encargouse dos catálogos do Centro Galego de Arte Contemporánea -CGAC- desde a súa inauguración en 1993 ata o ano 2004. Tamén foi durante anos o fotógrafo de referencia da Bienal de Arte de Pontevedra e traballou moito para o Museo de Pontevedra. Participou en proxectos artísticos como a exposición Galicia no tempo, en diferentes campañas do Xacobeo e turísticas da Xunta de Galicia, ao tempo que inmortalizou moitas obras de teatro.

PUBLICIDADE