O Consorcio da Zona Franca de Vigo preseleccionou 40 proxectos para a súa aceleradora de empresas

luns, 21 de outubro do 2013 Redacción

Os 40 proxectos preseleccionados anunciáronse hoxe en rolda de prensa

Esta mañá presentouse en rolda de prensa os resultados do comité técnico da aceleradora de empresas VíaVigo, que elixiu 40 boas ideas de negocio entre 131 proxectos presentados, demostrando a capacidade creativa e innovadora que que ten a cidade olívica en distintos sectores que poden contribuír de xeito significativo a fornecer o tecido produtivo local.
O vindeiro venres celebrarase no Centro de Negocios de Porto do Molle o Start up day, unha xornada dedicada a medir as competencias persoais que deben reunir os equipos (creatividade, comunicación, negociación, traballo en equipo, liderado e xestión) para analizar a adecuación de ideas e equipos a participar na fase de Academia co seu modelo de empresa. Os 20 proxectos de maior puntuación serán publicados o martes 29 de outubro.
ViaVigo é unha iniciativa promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo que ten como obxectivo a aceleración de proxectos innovadores e susceptibles de investimento aos que se acompaña na súa maduración, financiamento e posta en marcha. Abrangue entre 9 e 12 meses de duración combinando, baixo a supervisión dun equipo de expertos en emprendemento, unha serie de elementos: formación e asesoramento personalizado, un espazo de traballo en coworking e a achega de capital semente para arrancar o proxecto ata conseguir a participación no capital de socios investidores.
Entre os proxectos preseleccionados podemos destacar algúns de ámbito tecnolóxico como Beshak (plataforma na nube para facilitar o traballo colaborativo de escritures, ilustradores, tradutores, editores e lectores), dFlow (ferramenta web colaborativa para stakeholdersdo proceso de creación audiovisual publicitaria), Dixitalización Volumétrica en 3D (extracción de modelos dixitais en 3D para uso industrial ou conservación museística), Dlooking (central de reservas en liña), EcoNene (tenda en liña de roupa de bebé case nova), ePocketGuide (guía de viaxes para smartphones), Escompring (plataforma en liña para facilitar a venda directa dos produtores aos consumidores), Gamifik (aplicación para a fidelización de clientes mediante a gamification), IceeU (servizo na nube de medición por vídeo en tempo real do perfil demográfico dos clientes dun negocio), Life Tree (app que permite aos pais construír a historia da infancia dos seus fillos para agasallarlla no futuro), MoNET (solución integral para a monitorización remota e predición de pragas en cultivos empregando sensores sen fíos de baixo custo), Multibreves.com (páxina web que facilita a publicación de anuncios en 100 portais a través dun único formulario), PanorAudio.app (aplicación dende a que escoitar audios no idioma do usuario, coa finalidade de coñecer zonas de todo o planeta), PictoSon (aplicación para facilitar a comunicación entre distintas culturas e linguas por medio da asociación de sons con imaxes a través dun enfoque multilingüe con aplicación á aprendizaxe de idiomas), Probador Vritual nun Contorno de Rede Social (aplicación que integra o escaneado 3D á venda en liña de roupa), Retro Games (desenvolvemento de xogos clásicos adaptados a smartphones), Saborean.do (plataforma en liña de comercialización de produtos de alimentación), Stukers.com (web para facilitar a localización de compañeiros de piso en función das nosas preferencias), Use Feeling (propostas de lecer personalizadas recibidas a través do móbil) e Wayhoy (canle de televisión interactiva baseada en contidos na nube), entre outros.

PUBLICIDADE