O Consello da Xunta aproba a Axenda Dixital 2020

xoves, 30 de abril do 2015 Redacción

Esta mañá o Consello da Xunta aprobou da nova Axenda Dixital 2020, co maior investimento en TIC da historia da Comunidade (1.550 millóns de euros), e cuns obxectivos definidos que establecen 20 desafíos a cumprir no que resta de década, de cara a artellar e consolidar un modelo de crecemento vinculado á economía dixital. Tras a xuntanza do Consello o presidente Núñez Feijoo subliñou en rolda de prensa que o novo itinerario tecnolóxico é froito dun intenso proceso de diálogo; é dicir, contou para a súa elaboración coa participación de representantes das principais empresas da Comunidade do sector TIC, coas institucións públicas e coa sociedade civil.
Os 20 desafíos están articulados en cinco liñas de actuación: a valorización da Administración; a énfase na vida dixital; a aceleración da economía dixital; o estímulo ao crecemento do sector TIC; e a articulación dixital do territorio. “En definitiva, hoxe presentamos a Axenda Dixital de Galicia 2020; algo que será posible porque garantimos os recursos necesarios, cun orzamento medio anual de 258 millóns de euros”, asegurou o responsable autonómico.

Administración electrónica

Respecto a o primeiro eixo, formúlanse cinco desafíos para avanzar cara unha Administración verdadeiramente dixital. Así, xa está en marcha o Plan de Administración e Goberno dixitais 2020, que establece as medidas para dar o salto da Administración electrónica á Administración Dixital, é dicir, a que a práctica totalidade dos servizos que prestan as administracións poidan facerse de xeito dixital.
A estratexia contempla tamén a implantación de solucións de Big Data para transformar os datos xerados pola Administración en coñecemento útil, que facilite a toma de decisións e permita adiantarse ás necesidades da sociedade.

Vida dixital

No segundo eixo, Feijoo precisou que a Axenda busca dar resposta a catro desafíos orientados a consolidar a adaptación dixital do modelo educativo, favorecer servizos dixitais avanzados nos ámbitos dos servizos sociais e sanidade, e asegurar a inclusión dixital da cidadanía.
“No eido educativo, darase continuidade á estratexia para a integración plena das TIC co Proxecto Abalar, estendendo o libro dixital ata os 30.000 alumnos en 2017. E, en benestar e sanidade aplicaranse as TIC para o deseño de servizos intelixentes e integrais adaptados ás necesidades específicas dos diferentes colectivos”, explicou, ao que engadiu que o último desafío deste eixo é acadar a autonomía dixital da sociedade.
Sobre este último punto, avanzou a posta en marcha do Plan de inclusión dixital para pasar da alfabetización á madurez dixital, posibilitando que calquera persoa poida acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

Economía dixital

A dixitalización empresarial en sectores estratéxicos de Galicia, como o sector primario, o turístico, o cultural e o do transporte, así como a implantación de solucións dixitais innovadoras no tecido empresarial suman outros cinco desafíos da Axenda.
O Plan Smart Turismo 2014-2020 iniciou o camiño para facer de Galicia un destino turístico intelixente, no que se seguirá avanzando para promover a prestación de servizos personalizados aos visitantes ou potenciando o Camiño de Santiago cunha liña específica, SmartCamiño.
Por outra banda, promoverase a conservación do patrimonio cultural de Galicia aplicando as novas tecnoloxías, facilitando así o seu acceso e difusión.

Sector TIC

Impulsar o sector TIC é outro dos eixos desta Axenda, con dous desafíos destacados: avanzar na consolidación do Pacto Dixital, é dicir, na consolidación dun sector tecnolóxico galego que xere redes de valor co resto de axentes, empresas tractoras e sectores económicos para que conxuntamente conformen un ecosistema dixital galego activo; e impulsar a capacitación dos profesionais á continua evolución tecnolóxica.

Infraestruturas

Finalmente, no quinto eixo, a Axenda asume tres desafíos. Por unha banda, reforzar a seguridade cidadá aplicando as TIC para facilitar a prevención de riscos, catástrofes ou emerxencias.
Logo de destacar que o segundo obxectivo será o de universalizar a cobertura de 30 Mbps en Galicia, Feijóo afirmou tamén que se traballará para acadar unha maior garantía na seguridade dos servizos da Administración, que se concretará no Plan Director de Seguridade da Información do sector público 2015-2017.

PUBLICIDADE